O Concello iniciou os traballos de mellora de seguridade de 40 pasos de peóns con nova iluminación led

1124

O Concello iniciou os traballos de mellora de seguridade viaria de 40 pasos de peóns en distintas zonas da cidade a través dunha nova iluminación led, especial para este tipo de sinalización. A actuación enmárcase dentro dun programa de mellora de seguridade que incluíu tamén a elevación dalgúns pasos, en varias rúas da zona centro: a instalación de sinais informativos con luces intermitentes, tamén en pasos próximos a zonas escolares, Malecón, avenida Fraga Iribarne, estrada de Castela (entre outras); e peticións a outras administracións, ao non ter competencia municipal sobre esas vías, para que colocasen bandas rugosas xusto antes dos pasos de peóns (antiga N-VI, por exemplo, na zona do Valdoncel).

O Concello reforzará a sinalización con luminarias especiais, que resaltarán os pasos de peóns, dentro do proxecto de aforro enerxético que inclúe a substitución doutras 281 luminarias en varias zonas da cidade con tecnoloxía led.

En total investiranse algo máis de 190 000 euros que están incluídos nun dos plans da Deputación Provincial. O proxecto inclúe, ademais das luminarias, a substitución dos soportes, tanto columnas como brazos, que se atopen en malas condicións; os centros de mandos en varias rúas así como novas columnas. Nesta fase o aforro anual tanto en mantemento como en consumo de enerxía para o Concello é de 16 640 euros, segundo o estudo presentado polo persoal técnico.

Ademais de incrementar a seguridade viaria, a instalación de led permiten aumentar a eficiencia enerxética con luminarias de maior rendemento que as actuais, de mellor calidade de luz, e reducindo substancialmente os custos de mantemento da instalación ao ter leds unha vida útil de 70 000 horas fronte ás 15 000 das lámpadas actuais de vapor de sodio de alta presión.

Entre as rúas que se incluíron nesta fase atópase a rúa Alfonso IX, a avenida do Carregal, Juan García Naveira, Instituto Francisco Aguiar, Alcalde Ramón Sánchez, Irmáns Martínez Santiso, Camiño Real de Infesta, Coral Polifónica, Alcalde López da Torre, Álvaro Cunqueiro, Convento das Donas, Camiño Cal das Barras, Alexandre Bóveda, Castelao, Pintor Seijo Rubio, Praza Francisco Blanco, Emilio Romay, Grupo Caneiros, Praza Uxío Novoneyra, Alcalde Beccaría, Alcalde Tomás Dapena, Venezuela, Mariña, Grupo Brigantium, Manuel Naveira, José García Acuña, Landán e A Ribeira.