Barral destaca o programa de recuperación de vivendas e solicítalle a Rueda que se amplíe a máis zonas do centro histórico durante os próximos anos

155
A alcaldesa, María Barral eo presidente da Xunta, Alfonso Rueda

A alcaldesa, María Barral, solicitoulle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o ampliar o programa de adquisición de vivendas no centro histórico de Betanzos durante os próximos anos, incluíndo zonas desta parte antiga da cidade “nas que ata agora non se interveu”.

A primeira edil destacou os resultados dun programa “que é un exemplo de colaboración entre dúas administracións e que posibilitou que betanceiros e betanceiras dispoñan de vivendas de alugueiro e que, ademais, todo iso axude a dinamizar o centro histórico”. Neste sentido, apuntou a necesidade de ampliar o programa tanto de adquisición de vivendas como de mellora destas para que durante os próximos anos “poidan seguir accedendo a vivenda moitas das familias que aspiran a conseguila. Hai demanda e, por tanto, é necesario continuar”.

María Barral lembrou tamén as actuacións que o Concello está a impulsar na zona e que van en liña desa mellora e dinamización do centro histórico a través da recuperación, por exemplo, do mercado municipal, que se converterá nun axente dinamizador do comercio e hostalaría tras un investimento de máis de 1,5 millóns de euros, ou as actuacións, tamén  incluídas noutros programas dos fondos Next Generation do Goberno, co Plan de Sustentabilidade Turística impulsado polo Concello xunto á Reserva da Biosfera, cun investimento dun millón de euros, ou o programa Turístico, xestionado desde o propio Concello para impulsar actuacións nese ámbito e no sector comercial, con 1,5 millóns de euros.

Investimentos, dixo a primeira edil, “importantes que contribuirán, xunto coa mellora das rúas que seguiremos facendo con actuacións, tamén en iluminación, a captar novos proxectos de recuperación de vivendas para os que tamén hai en marcha axudas económicas e reducións a nivel impositivo”.