O Concello proponlle a Portos un cambio de titularidade do edificio do Club Ría de Betanzos para asumir os seus gastos

981
Edificio no Porto de Betanzos. FOTO: La Voz de Galicia

A alcaldesa, María Barral, e o concelleiro de deportes, Andrés Hermida, mantiveron en Santiago unha reunión co presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán Hermida e técnicos deste organismo para tratar distintas cuestións relacionadas co edificio que ocupa o Club Ría de Betanzos no porto desta localidade.

Despois dos problemas que padece o club xurdidos por ter que afrontar un canon pola utilización do edificio próximo aos 6000 euros ademais doutros gastos vinculados a servizos de auga e luz, a alcaldesa propúxolle hoxe a Portos a posibilidade de que esta entidade desafecte o edificio da zona portuaria, suprimindo desta forma o canon anual.

Ante a imposibilidade, segundo Portos, de concretar esta alternativa, xa que a Lei de portos o impide, a primeira edil propúxolle ao presidente que autorice o cambio de titularidade do edificio do Club Ría de Betanzos ao propio Concello que, nese caso, asumiría o canon, os gastos de servizos que teñen que afrontar nestes momentos o Club de piragüismo e o mantemento do edificio. Esta proposta vai ser estudada por Portos, e o Concello queda á espera da súa decisión.

A reunión desta mañá foi solicitada pola alcaldesa o pasado 11 de decembro tras coñecer a situación do Club de piragüismo sobre os importantes gastos anuais que ten que afrontar para manter este edificio. Segundo os datos achegados desde o Club esta concesión administrativa suponlle un gasto de 12 000 euros entre o canon (a pesar da bonificación do 90%), máis o Imposto de Bens Inmobles e consumos eléctricos e de auga, que contan cunha recarga do 20% de gasto por parte da entidade Portos de Galicia.