No mes de febreiro o Concello de Betanzos lembra a Rosalía de Castro

1273

Concello de Betanzos bota a andar un ano máis unha programación dedicada a conmemorar o mes de Rosalía de Castro. Desde comezos de mes pódese visitar unha exposición bibliográfica na Biblioteca Municipal Castelao e visualizar nos balcóns dos edificios municipais a exposición “Versos rosalianos na rúa” que intenta difundir a obra de Rosalía de Castro e homenaxear á escritora no aniversario do seu nacemento, o 24 de febreiro.

“Versos rosalianos na fachada do Cine Alfonsetti”

O Concello de Betanzos tamén programou distintas actividades pedagóxicas no IES Francisco Aguiar, o IES As Mariñas e o CEIP Francisco Vales Villamarín, onde levará os vindeiro días 22, 25 e 26 de febreiro seis sesións da xincana literaria “Rosalía na voz da xente” para o alumnado de 6.º de primaria e 1.º de ESO dentro da programación do Día de Rosalía de Castro co que se pretenden homenaxear á escritora, conmemorar a data do seu nacemento e facer a máxima difusión da súa figura e obra.

O acto central de homenaxe á escritora correrá por conta, coma en anteriores ocasións, do Concello de Betanzos e a Asociación Cultural Eira Vella, e terá lugar o venres 22 de febreiro ás 19:30 h na Aula de Cultura Xulio Cuns do edificio Arquivo do Antigo Reino de Galicia. Nesta homenaxe participará o alumnado do CEIP Francisco Vales Villamarín, do CPR Nosa Señora do Carme “Atocha” e do IES As Mariñas, tamén colaboran o Coro de Coirós e a Asociación Lar de Unta. A gala estará conducida polos actores Diego Freire e Ana Ponte que, ademais, realizarán diversas intervencións teatralizadas baixo o título de “Sempre Rosalía”.

Programa de actividades