O goberno local executa as obras de mellora de diversas pistas polideportivas nas Minas, O Sapeiro, O Xuncaliño e Guiliade nas que se investiron uns 120 000 euros

186

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, e o concelleiro de Deportes, Andrés Hermida, visitaron os traballos de mellora das pistas, entre eles os do Xuncaliño, na que se colocarán nos próximos días o mobiliario deportivo. A primeira edil explicou que os traballos forman parte dun programa de actuacións en materia deportiva que se executou xa no polideportivo municipal, as pistas polideportivas cubertas, o campo de fútbol do Carregal, o García Irmáns, ou outras pistas deportivas como as das Angustias, A Condesa, Bellavista e a de ciclismo.

Os traballos afectáronlle á pista das Minas, que presentaba irregularidades no pavimento: gretas, fisuras, formación de charcos, cunha pista que estaba rodeada de vexetación e cunha malla de peche perimetral que presentaba danos. O proxecto recolleu a retirada deste peche, a roza da contorna, a limpeza perimetral do pavimento, por medios manuais, eliminando restos de herbas e terra acumulada e o acondicionamento de camiño de acceso. Ademais pavimentouse a pista mediante aglomerado asfáltico e marcouse e sinalizou para fútbol sala, baloncesto e balonmán.

A do Xuncaliño, que presentaba irregularidades no pavimento, mellorouse coa limpeza superficial de terreo, e a limpeza, lixado de superficies e posterior aplicación de tratamento de protección e acabado sobre varanda metálica existente. Tamén se lavou toda a superficie, tratáronse as gretas e ocos; o selado de xuntas e o novo pavimento con marcaxe e sinalización de pista para fútbol sala, baloncesto e balonmán.

En Guiliade o programa incluíu os arranxos na pista cuberta cuxa cuberta que presentaba sucidade acumulada mentres que no Sapeiro se arranxaron os camiños de acceso con capa de rodaxe.

Tamén se melloraron as pistas polideportivas cubertas, e acometéronse traballos nas Angustias.