Betanzos abre o prazo, ata o 16 de xuño,  para elixir ás persoas representantes das festas de San Roque

15

O Concello de Betanzos abriu  o prazo para a presentación de solicitudes para participar no proceso de elección das persoas representantes das festas patronais de San Roque 2026, unha figura que substitúe desde hai varios anos á tradicional elección da raíña das festas e que aposta por un modelo máis inclusivo e aberto á participación de toda a veciñanza.

Para consultar as bases preme AQUI

As persoas interesadas poderán presentar a súa candidatura ata o día 16 de xuño. As solicitudes poderán formalizarse a través da páxina web municipal, www.novas.betanzos.gal. ou premendo AQUÍ

A elección, no caso de varias candidaturas,  realizarase mediante sorteo público entre todas as solicitudes admitidas, tanto na categoría de representante maior como na de representante infantil.

Poderán participar as persoas empadroadas en Betanzos que non fosen representantes das festas en edicións anteriores. As candidaturas dividiranse nas categorías de representante maior, para persoas nacidas nos anos 2007 e 2008, e representante infantil, para as nacidas nos anos 2017 e 2018.

 

No caso das persoas menores de idade será preciso contar coa autorización expresa dos pais, nais ou titores legais. A persoa representante poderá elixir libremente a vestimenta e as cores coas que participará nos desfiles, sempre dentro dun contexto acorde á celebración. Do mesmo xeito, poderá decidir a composición da súa comitiva nos desfiles dos días 14, 15 e 16 de agosto, cun máximo de 24 integrantes.

Segundo recollen as bases, o sorteo público celebrarase o día 18 de xuño ás 13.00 horas no Salón Azul do edificio Arquivo. O resultado será comunicado ás persoas participantes.