Betanzos concederalle ata 700 euros de axuda aos autónomos e ás microempresas que pecharon pola Covid

991

O goberno local dará axudas directas de ata 700 euros aos autónomos e  ás microempresas  que se viron afectadas polo peche dos seus negocios ou que viron drasticamente reducidos os seus ingresos por causa do esta de alarma provocado polo Coronavirus. O goberno local, tras manter diversas reunións coas distintas asociacións de comerciantes e empresariado (Acebe e  Chescasco) e os grupos políticos da corporación local, presentou hoxe as axudas que lle dará ao tecido económico local, cuxas bases deberán aprobarse en Pleno. A alcaldesa, María Barral, explicou que os efectos que está a ter o Coronavirus na economía local derivou en traballar en dúas liñas, as sociais, nas que “modificamos diversos programas para atender ás familias que peor o están pasando, fortalecemos as actuacións de emerxencia social e o programa de reforzo de alimentos, a revisión dos impostos municipais para axudar ás familias máis vulnerables e unha terceira vía que é a do tecido económico”.

Neste sentido, a maiores da modificación de impostos municipais, a ampliación dos prazos de pagamento, a compensación de gastos como o de auga e saneamento ou a entrega de material de protección, o goberno local dará un paso máis con axudas directas ao tecido autónomo e  ás microempresas. María Barral indicou que se trata de abrir unha liña de axudas realista, é dicir, un programa axustado á situación económica do Concello e ás marxes que  permite a lei, “nese sentido, fomos dando pasos e foi a razón pola que ata o de agora non se anunciaron as axudas, cos pés no chan para non crear falsas expectativas”.

A primeira edil explicou que tras a aprobación plenaria, o Concello realizará unha convocatoria pública de axudas, en réxime de concesión directa,  para, de maneira inmediata, colaborar cos autónomos e autónomas e as microempresas na súa loita contra o inevitable dano causado pola pandemia e “axudarlles, na medida do posible, a que poidan seguir desenvolvendo a súa actividade, así como evitar o peche dos seus negocios e a consecuente destrución de empregos”. Esta axuda municipal será compatible coas que poidan recibir doutras administracións públicas.

Para esta primeira fase de axudas directas, provenientes de modificacións orzamentarias municipais dos remanentes, xa que nestes momentos non é posible xeralo por Lei, ascende a un importe total de 150 000 euros, unha cantidade que poderá verse ampliada  no caso de esgotar todo o crédito destinado e fiquen solicitudes sen atender.

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, así como as  microempresas que reúnan os seguintes requisitos: que teñan o domicilio fiscal da actividade no municipio de Betanzos e estea neste o centro de traballo afectado, que a actividade que desenvolven se vise afectada polo peche de establecementos polo estado de alarma ou que a actividade desenvolvida polo persoa autónoma sufrise unha redución da súa facturación durante o mes seguinte á declaración do estado de alarma de polo menos o 50%, con relación á media efectuada no semestre natural anterior á declaración do estado de alarma.

Concederase unha cantidade máxima de 500 euros para os autónomos e autónomas ou microempresas cando a actividade que desenvolvan viuse afectada polo peche de establecementos e unha de 300 euros a aqueles autónomos e autónomas ou  microempresas que  sufriron unha redución da súa facturación.

Estas cantidades 500 euros e 300 euros incrementaranse nun máximo de 100 € en caso de ter ata 4 traballadores ou traballadoras(incluídos, ademais da persoa solicitante) e nun máximo de 200 euros no caso de ter ata 9 traballadores ou traballadora (incluídos, ademais da persoas solicitante) o día 1 de marzo de 2020.