O Concello planifica a organización das feiras de Betanzos os días 1 e 16 de cada mes

554

A falta de concretar as medidas polas que se rexerá a súa realización e cando se poderán levar a cabo este tipo de feiras, o goberno local estuda as opcións para o seu desenvolvemento seguindo unhas pautas de seguridade e distancias mínimas entre os postos. A alcaldesa, María Barral, mantivo unha reunión coa responsable de Feiras, Mónica Carneiro, e o persoal técnico municipal para avanzar sobre distintos aspectos de organización que se irán concretando a medida que se vaian coñecendo as condicións que se esixirán para a realización destas. Esta semana mesmo a alcaldesa ten previsto reunirse con representantes do sector de ambulantes para falar sobre este asunto.

Como xa fixo no seu momento cos mercados tradicionais de produtos locais que teñen lugar os martes, xoves e sábados, programando unha serie de actuacións que permitiron que Betanzos fose unha das primeiras cidades de Galicia nas que se puido reiniciar a actividade, agora, o Concello pretende planificar a organización da feira xa que a súa posta en marcha, no momento que se poida facer, “deberá realizarse dentro duns parámetros de seguridade, especialmente pola distancia social, que é necesario deseñar con tempo porque suporá unha serie de actuacións que afectan a varios departamentos municipais e que incluirán, seguramente, cambios organizativos e, por tanto, na ordenación de tráfico, con relación a como viña realizando as feiras ata antes do Coronavirus”.

A alcaldesa avanzou que a idea do Concello é non reducir o número de postos de venda senón ampliar a zona de superficie de venda. Nestes momentos a feira conta cuns 140 postos e a idea é non ter que reducir este número senón ampliar o ámbito de venda. Ata agora a feira concentrábase na praza dos Irmáns García Naveira e continuaba pola rúa do Castro, no centro histórico, con algúns postos na zona de Bellavista.

A formulación de reorganización do Concello pasaría por prolongar a localización dos postos cara a máis rúas do centro histórico, que permitisen gardar esas distancias de seguridade tanto entre postos de venda como entre estes e os posibles clientes. Ademais da praza dos Irmáns García Naveira, na que tamén se colocarían postos, a feira continuaría pola avenida de Castela, a antiga N-VI, en ambas as marxes desta vía. Desta forma manteríase a distancia entre os postos e cos vendedores e vendedoras.

Desta forma conseguiríase centrar os postos nunha zona ampla e continuada, en lugar de estar esparexidos en distintas zonas do municipio que sería a outra alternativa en caso de non poder realizalo nesta, xa que para iso, o corte de tráfico na N-VI tería que estar aprobado polo Ministerio de Fomento, a quen o Concello lle remitirá unha petición oficial.

A idea de ampliar reorganizar a feira desta forma levará aparellada tamén unha segmentación desta por produtos de venda, e reunirá os de alimentación nunha zona determinada, os de téxtil noutra, calzado noutra ou outros produtos que sexan similares noutra.