O Concello aprobou no Pleno extraordinario celebrado o 17 de xuño, por unanimidade, a modificación orzamentaria para completar a primeira fase de partidas de axudas municipais a pequenas empresas e autónomos/as que se viron afectados/as na súa actividade diaria pola Covid-19.
O Concello destinará a estas axudas directas as partidas que tiña reservadas para a Feira Medieval e parte das das festas patronais de agosto. Así, dos 75 000 euros previstos para a Feira Medieval, o Concello destina 60 000 euros a estas novas axudas, que se complementan con outros 90 000 das festas. Desa partida restarían, aínda, uns 100 000 euros que se reservan por se é necesario ampliar a primeira fase de axudas a autónomos/as ou pequenas empresas e para abordar outros posibles gastos, que non estaban programados, dirixidos a outras actuacións de impulso do tecido económico local.
Tras esta aprobación, o Concello realizará agora a convocatoria pública de axudas, en réxime de concesión directa. As bases serán publicadas nos próximos días no Boletín Oficial da Provincia para que, a partir dese momento, os/as “autónomos e pequenas empresas poidan presentar xa a documentación requirida no Concello para ser revisada polo persoal técnico municipal”, segundo explicou o concelleiro de Facenda, Diego Fernández.
O Concello tamén publicará toda a información na web municipal. Os/as solicitantes poderán presentar a documentación no Rexistro Municipal a través da sede electrónica ou por correo postal, nun impreso normalizado que estará dispoñible tamén na web municipal.
O prazo será dun mes, aínda que “conforme vaian chegando as solicitudes iranse revisando. Non se esperará á conclusión do prazo para iniciar os trámites. A intención é axilizar todo o proceso ao máximo”, segundo indicou o edil de Facenda. Habilitarase un enderezo electrónico específico para atender calquera dúbida ou consulta que será [email protected].
As axudas chegarán ata os 700 euros. Delas poderán beneficiarse as persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, así como as microempresas que reúnan os seguintes requisitos: Que teñan o domicilio fiscal da actividade no municipio de Betanzos e radique neste o centro de traballo afectado. Que a actividade que desenvolven se vise afectada polo peche de establecementos polo estado de alarma ou que a actividade desenvolvida polo/a autónomo/a sufrise unha redución da súa facturación durante o mes seguinte á declaración do estado de alarma de polo menos o 50%, en relación coa media efectuada no semestre natural anterior á declaración do estado de alarma.
Concederase unha cantidade máxima de 500 euros para os/as autónomos/as ou microempresas cando a actividade que desenvolvan viuse afectada o peche de establecementos e unha de 300 euros a aqueles autónomos ou microempresas que sufriron unha redución da súa facturación.
Estas cantidades 500 euros e 300 euros incrementaranse nun máximo de 100 euros en caso de ter ata 4 traballadores/as (inclusive, ademais do/a solicitante) e nun máximo de 200 euros en caso de ter ata 9 traballadores/as (inclusive, ademais do/a solicitante) a data 1 de marzo de 2020.
O Pleno tamén aprobou por unanimidade a modificación de distintos impostos e taxas municipais. Esta modificación de impostos municipais recolle todos aqueles en os que legalmente o Concello pode realizar cambios e que se sumarán ás axudas directas que recibirán tanto os autónomos e pequenas empresas.
Da relación de tributos municipais, algúns deles, regulados polo Texto refundido da Lei de facendas locais, o Concello non pode regular exencións ou a condonación destes, podendo só aplicar, como vai facer, adiamentos ou fraccionamentos. Neste capítulo están o IBI, o de Actividades Económicas (IAE), o de tracción mecánica, o Imposto sobre Construción, Instalación e Obras e o Imposto de Aumento de Valor de Solo Urbano.
O Concello, no entanto, establecerá a bonificación total durante o que queda de ano aos/ás emprendedores/as e autónomos/as que queiran iniciar unha actividade, como se recolle na taxa por servizos urbanísticos por outorgamento de licenzas de apertura de establecementos. Neste mesmo sentido, tamén se bonificará totalmente a ordenanza fiscal reguladora da taxa por outorgamento de licenzas urbanísticas a emprendedores e autónomos/as que queiran iniciar unha actividade ou mellorar as súas instalacións.
No ámbito social, esta ordenanza tamén bonificará obras de imperiosa necesidade para habitabilidade e que a unidade familiar estea en situación de risco.
Tamén se bonificarán na súa totalidade a taxa de terrazas durante todo o ano 2020 de forma retroactiva para paliar o impacto económico provocado polo peche dos negocios.
Tampouco se cobrarán as feiras que non se realizaron, e descontarase no importe do recibo anual.
Outra das ordenanzas que se modificarán será a de entrada de vehículos desde a vía pública a edificios, locais e soares, cunha bonificación total para o que queda de ano para paliar o impacto económico, establecendo para iso un criterio económico de risco con base a unha redución de ingresos, a un estado de vulnerabilidade, entre outros puntos a ter en conta.
Na auga e saneamento. O Concello xa lle expuxo á empresa concesionaria do servizo facer fronte a pagamento do recibo dos autónomos e pequenas empresas que cesaron a súa actividade como consecuencia do estado de alarma. En concreto, do recibo bimestral que coincide cos meses do estado de alarma.
No aspecto social, o goberno local quere ir máis aló das bonificacións que xa tiña establecidas. Así, no servizo de saneamento, gozarán de exención da tarifa de mínimos aquelas familias, que polas súas circunstancias persoais estean a ser atendidas por Servizos Sociais. Estarán exentas desta taxa todas as persoas incluídas no padrón de Servizos Sociais deste Concello.
No caso da subministración de auga: a Xunta de Goberno Local, logo do informe dos servizos sociais poderá bonificar a contía do consumo mínimo das familias que así se determinen. E establecerá unha bonificación do 100 % da cota de servizo e dos primeiros 18 m3/bimestre de consumo a aquelas familias que polas súas circunstancias económicas a renda per cápita sexa igual ou inferior ao 50 % do salario mínimo interprofesional.
A día de hoxe o Concello xa chegou a un acordo coa concesionaria para pór en marcha unha serie de facilidades de pago nos recibos que consistirán en:
– Ampliación do período voluntario de pagamento de facturas a 90 días.
– Aquela clientela con domiciliación bancaria: no caso de dificultades económicas todo/a usuario/a poderá contactar con Viaqua desde xa mesmo, para solicitar un Plan de pagamento flexible ou adiamento do seu recibo trimestral.
– Financiamento ou adiamento de facturas, sen xuros, a todos os colectivos que ante esta situación excepcional presenten dificultades no pagamento dos seus recibos trimestrais.
O Concello tamén anunciou que condonará as cotas das vivendas de aluguer municipal dos/as inquilinos/as afectados/as por un ERTE ou que se visen reducidos os seus ingresos durante o estado de alarma.
O goberno local tampouco cobrará a prestación do servizo de axuda no fogar a quen renunciase a este durante o estado de alarma, algo que tamén sucederá co Conservatorio Elemental de Música Carlos López García-Picos; o comedor escolar e o servizo de madrugadores do colexio Vales Villamarín; o servizo de comedor da Escola Infantil Municipal Santiago de la Fuente García; Escola Municipal de Folclore ou os servizos nas instalacións deportivas municipais. Nestes casos ou non se cobrarán ou devolverase a cota polos servizos que non se prestaron. Estas últimas modificacións non terán que aprobarse en Pleno xa que xa foron tomadas por Resolución da Alcaldía.