O Concello celebrará o sábado 1 de agosto unha nova edición do “Caneiros en familia”, unha romaría organizada coa idea de promover unha xira para que os betanceiros e betanceiras gocen dun día especial, subindo ata Os Caneiros en embarcacións ou a pé e, unha vez alí, xanten no campo, á beira do Mandeo, coas viandas que leven os propios romeiros.
Do mesmo xeito que nas edicións anteriores, estableceranse viaxes desde o embarcadoiro da Tolerancia ata o campo dos Caneiros na embarcación municipal “Diana Cazadora”. O prazo de inscrición abriuse hoxe, día 22, e permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de xullo ás 14.00 horas. Poderá realizarse na Oficina de Turismo, de nove da mañá a seis da tarde, ou premendo AQUÍ
As prazas, 55 en cada viaxe, cubriranse por rigorosa orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas no municipio. As viaxes de subida ao campo serán ás 13.00, 14.00 e 15.00 horas, mentres que as de baixada serán ás 19.00, 20.00 e 21.00 horas.
Non obstante, o Concello agarda que tamén se “apunten á romaría” outras moitas lanchas de Betanzos e que ese día “todos os betanceiros demos mostra de como deben celebrarse as xiras dos días 18 e 25 para que o día de Caneiros en familia sexa tomado como exemplo do que deben ser esas dúas xiras”.
O Concello organiza de novo esta cita para difundir e inculcar “os valores e tradicións características desta romaría”. O obxectivo non é outro que seguir dando pasos para evitar que a romaría se desvirtúe, un propósito compartido polo conxunto das entidades do municipio e polos diferentes partidos políticos.












