Betanzos modifica todos os impostos que lle permite a Lei para minimizar os efectos da crise da Covid-19 en profesionais e en familias en risco

1084

O  Concello modificará os impostos municipais para contribuír, na medida do posible, a paliar a situación dos autónomos e das pequenas empresas e de familias que tamén se viron afectadas por esta crise sanitaria e económica como consecuencia da Covid-19. Esta modificación de impostos municipais recolle todos aqueles nos que legalmente o  Concello pode realizar cambios e que se sumarán ás axudas directas que recibirán tanto os autónomos e pequenas empresas que cesaron a súa actividade durante o estado de alarma ou cuxa facturación se reduciu de forma considerable pola situación deste. Así o anunciou hoxe a alcaldesa, María Barral, quen explicou que esta modificación, exposta ao resto de formacións políticas para buscar o maior consenso posible, deberá aprobarse no Pleno xunto coas medidas extraordinarias que o  Concello aplicará para axudar aos distintos colectivos profesionais.

Da relación de tributos municipais, algúns deles regulados polo Texto refundido da Lei de facendas locais, o  Concello non pode regular exencións ou a condonación destes, e só pode aplicar, como vai facer, aprazamentos ou fraccionamentos. Neste capítulo están o IBI, o de actividades económicas (IAE), o de tracción mecánica, o imposto sobre construción, instalación e obras; e o imposto de aumento de valor do solo urbano.

O  Concello, con todo, establecerá a bonificación total durante o que queda de ano aos emprendedores e autónomos que queiran iniciar unha actividade, como se recolle na taxa por servizos urbanísticos por outorgamento de licenzas de apertura de establecementos. Neste mesmo sentido, tamén se bonificará totalmente a ordenanza fiscal reguladora da taxa por outorgamento de licenzas urbanísticas a emprendedores e autónomos que queiran iniciar unha actividade ou mellorar as súas instalacións.

No ámbito social esta ordenanza tamén bonificará a obras de imperiosa necesidade para habitabilidade e que a unidade familiar estea en situación de risco.

Tamén se bonificarán na súa totalidade a taxa de terrazas durante todo o ano 2020 de forma retroactiva para paliar o impacto económico provocado polo peche dos negocios.

Tampouco se cobrarán as feiras que non se realizaron, e descontarase o importe do recibo anual.

Outra das ordenanzas que se modificarán será a de entrada de vehículos desde a vía pública a edificios, locais e soares, cunha bonificación total para o que queda de ano para paliar o impacto económico, e ao establecer un criterio económico de risco con base a unha redución de ingresos, a un estado de vulnerabilidade, entre outros puntos para ter en conta.

Auga e saneamento

O Concello xa lle expuxo á empresa concesionaria do servizo para facer fronte a abono do recibo dos autónomos e pequenas empresas que cesaron a súa actividade como consecuencia do estado de alarma. En concreto, do recibo  bimestral que coincide cos meses do estado de alarma, aínda que non se concretou a forma na que se lles compensará ás persoas usuarias, mais si que o Concello asumirá estes meses.

No aspecto social o goberno local quere ir máis aló das bonificacións que xa tiña establecidas. Así, no servizo de saneamento, gozarán de exención da tarifa de mínimos aquelas familias, que polas súas circunstancias persoais estean a ser atendidas por Servizos Sociais. Estarán exentas desta taxa todas as persoas incluídas no padrón de Servizos Sociais deste Concello.

No caso da subministración de auga, a Xunta de Goberno Local, logo do informe dos Servizos Sociais poderá bonificar a contía do consumo mínimo das familias que así se determinen, e establecerá unha bonificación do 100 % da cota de servizo e dos primeiros 18  m³/bimestre de consumo a aquelas familias que polas súas circunstancias económicas a renda per  cápita sexa igual ou inferior ao 50 % do salario mínimo interprofesional.

A día de hoxe o  Concello xa ten alcanzou acordo coa concesionaria para poñer en marcha unha serie de facilidades de pagamento nos recibos que consistirán en:

  • Ampliación do período voluntario de pagamento de facturas a 90 días.
  • Aqueles clientes con domiciliación bancaria, no caso de dificultades económicas calquera persoa usuaria poderá contactar con Viaqua desde xa mesmo para solicitar un Plan de pagamento flexible ou o aprazamento do seu recibo trimestral.
  • Financiamento ou aprazamento de facturas sen xuros para todos os colectivos que ante esta situación excepcional teñan dificultades no pagamento dos seus recibos trimestrais.

O  Concello tamén anunciou que  condonará as cotas das vivendas de aluguer municipal dos inquilinos afectados por un  ERTE ou que se visen reducidos os seus ingresos durante o estado de alarma.

O goberno local tamén aprobará, como xa adiantou, que non cobrará a prestación do servizo de axuda no fogar a quen renunciase a este durante o estado de alarma, algo que tamén sucederá co Conservatorio elemental de música Carlos López García-Picos; o comedor escolar e o servizo de madrugadores/as do CEIP Francisco Vales Villamarín; o  servizo de comedor da Escola Infantil Municipal Santiago de la Fuente García; a Escola Municipal de Folclore ou os servizos nas instalacións deportivas municipais. Nestes casos ou non se cobrarán ou se devolverá a cota polos servizos que non se prestaron.