Betanzos pide autorización a Augas de Galicia para executar a mellora da rede de saneamento entre As Cascas e o Carregal polo río Mendo na que se investirán uns 500 000 euros

775

O goberno local solicitoulle a Augas de Galicia autorización para a execución do proxecto incluído no Plan Único POS + 2019 correspondente á reordenación do saneamento na marxe do río Mendo entre a ponte das Cascas e a ponte do Carregal, no que se investirán arredor de 500 000 euros. O Concello pretende completar diversas actuacións en materia de saneamento que levou a cabo nos últimos anos executando unha obra que resulta clave para esta rede e unha das máis importantes levadas a cabo no Concello.

O obxectivo é renovar o colector que se proxecta ao longo do río Mendo,  unha instalación antiga que vén de sufrir tanto a deterioración do tempo, coma o repise dos terreos nos que se atopa aloxado e incluso roturas accidentais causadas pola navegación neste tramo de río desde a ponte das Cascas ata o fondo da ría. O estado desta instalación non garante a durabilidade que calquera actuación parcial puidese achegar, ademais de que ao estar o colector na súa maior parte en terreos privados, fai inviable o seu correcto mantemento.

As obras, segundo explicou hoxe a alcaldesa, María Barral, consistirán basicamente na execución dun cambio de trazado na impulsión da EBAR das Cascas. Neste novo trazado haberá que integrar servizos da avenida Jesús García Naveira. Tamén se incluirá un novo pozo de bombeo de Bartolomé Cossío dotado con tres bombas; construción dun tanque de tormentas; execución dunha impulsión na marxe esquerda que conectará, de forma subterránea, coa ponte do Carregal, desembocando na rede existente augas abaixo. Con esta configuración, sen pozos e aloxada nunha gabia fóra do alcance da marea e das crecidas máximas do río, conseguimos anular todos as verteduras que puidesen darse nese tramo.

Vertedura corrixida. Por outra banda, o Concello eliminou hai uns días unha vertedura detectada no Río Mendo. As investigacións localizaron ao orixe desta na conexión á rede de tres edificios situados en doutor Fariña.