Barral confía en que non haxa máis atrasos na licitación das obras de mellora da planta de tratamento de auga despois de que o Consello da Xunta autorizase ampliación do convenio coa achega de máis de 200.000 euros do Concello

614

A alcaldesa, María Barral, expresou o seu desexo de que a autorización do convenio entre o Concello e a Xunta para as obras de mellora da planta de tratamento de auga potable, aprobada hoxe polo Consello da Xunta, “axilice a contratación dos traballos e, por fin, poidan ser licitados tras anos de agarda”. A primeira edil indicou que se trata dunha obra “necesaria para Betanzos, que o Concello leva esperando desde hai anos”. Barral confía en que non se atrasen máis os prazos e que a licitación e contratación dos traballos “se realice canto antes”. A aprobación do Consello por parte da Xunta realizouse despois de que o Concello aprobase unha achega, hai uns meses, de máis de 205 000 euros ás obras para completar o investimento inicial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dun millón de euros para a mellora do sistema de abastecemento de auga de Betanzos que inclúe unha serie de actuacións técnicas na planta de tratamento de auga aumentando tanto a súa calidade como a cantidade de extracción.

En xullo de 2016 o Concello e Augas de Galicia asinaron un convenio que incluía a redacción do proxecto e a execución das actuacións incluídas neste para mellorar, entre outras cousas, a captación de auga e o tratamento, co fin de reducir os episodios de turbidez na auga que se producen, especialmente, en épocas de choivas tras un período de seca. O convenio incluía unha achega da Xunta dun millón de euros. Con todo, unha vez definidas as obras estas superarán a contía inicialmente prevista e que segundo as previsións que existían naquel momento (xullo de 2016) era máis que suficiente para desenvolver as actuacións.

A día de hoxe os traballos necesarios ascenden a 1 350 427 euros polo que Augas de Galicia lle pediu ao Concello que sexa o que financie os traballos e que “toda esta cantidade se reflicta na sinatura dunha addenda ao convenio asinado no seu día entre o Concello e a Xunta”.

María Barral aceptou achegar eses máis de 200 000 euros tendo en conta que se trata dunhas “obras necesarias e que o Concello considera prioritarias para mellorar a calidade da auga e evitar episodios de turbidez como o que estes días, novamente, están a detectarse nalgunhas zonas do municipio”. A primeira edil explicou que a pesar de que a achega, con fondos municipais, suporá “unha modificación dos plans de gasto e investimento do Concello, entendiamos que era algo de tiñamos que asumir para desbloquear un proxecto que é sumamente importante non só a curto senón a longo prazo en canto á mellora dos servizos básicos de abastecemento”.

As obras que se pretenden realizar consisten na mellora do sistema de abastecemento para incrementar a capacidade de regulación, e optimizar tamén os procesos de potabilización. O obxectivo, segundo indicou a alcaldesa, é garantir un mellor sistema e que “os betanceiros e betanceiras poidan ter auga en cantidade e calidade suficiente para satisfacer as demandas futuras”.

Os traballos financiaranse en varias anualidades. O Concello achegará en 2020 un total de 77 912 euros; e outros 127 205 euros para 2021. O resto será portado pola Xunta en varias anualidades, en 2020 de máis de 430 000 euros e en 20211 de máis de 870 000 euros, que se unirán aos 38 000 euros de 2018 e os 7136 euros deste ano.

A actuación permitirá, entre outras cousas, eliminar os problemas de turbidez da auga que se produce en determinadas épocas do ano a través dunha seria de obras na planta de tratamento e nos bombeos, con melloras no tratamento físico-químico; na capacidade de depuración e outra serie de “actuacións a nivel técnico”.