Betanzos pon en marcha un programa universitario para maiores de 50 anos en colaboración coa Universidade da Coruña

1020
A alcaldesa, María Barral Varela, presentou o programa xunto á  vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Educativa, Nancy Vázquez, e a directora da Universidade Sénior, Matilde García Sánchez

O Concello de Betanzos e a Universidade Sénior porán en marcha un novo Programa Universitario para Maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, un programa de formación específico para as persoas adultas maiores de Betanzos, que se desenvolverá ata o mes de novembro no Salón Azul do Edificio Liceo.

A alcaldesa, María Barral Varela, presentou o programa xunto á  vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Educativa, Nancy Vázquez, e a directora da Universidade Sénior, Matilde García Sánchez.  A alcaldesa explicou que “hai tres piares básicos na nosa forma de entender a política: a educación, a cultura e o ámbito social, tres aspectos que diferencian a acción de goberno e que, sen dúbida, marcan a nosa folla de ruta”.

Cando falamos de educación, sempre nos centramos na etapa escolar, porque quizais é a que máis afecta á xestión municipal. Desde infraestruturas ou equipamentos ata os programas de axudas para material escolar, comedor, etc… Mais eramos conscientes de que había unha parte da poboación á que en materia educativa tiñamos que ofrecerlle contidos, actividade. Non nos podiamos quedar atrás e máis nun tema tan sensible para nós como a educación”.

Neste sentido, indicou que “aí xorde a posibilidade de chegar a un acordo coa Universidade da Coruña, a Universidade  Sénior, e implantar un programa formativo que dea resposta ás inquietudes e necesidades dos maiores de 50 anos, un programa para compartir experiencias e coñecemento, un programa que nace coa ilusión e obxectivo de que manterse no tempo, de ter continuidade no futuro, algo do que estou segura así vai ser”.

A actividade desenvolverase ata novembro, cun programa específico que se terá lugar por segunda vez en Betanzos e que incluirá tres seminarios impartidos por profesorado da Universidade da Coruña con  sesións teóricas e prácticas ou saídas de campo. O primeiro módulo será en outubro.

Os tres seminarios impartidos por profesorado da Universidade da Coruña abordarán:

“Sustentabilidade social e económica” (outubro 16, 17 e 23): con actividades sobre economía circular, socioloxía, e paisaxe cultural.

“Sustentabilidade ambiental” (30 e 31 de outubro, 6 novembro): con programa de educación para á sustentabilidade; novos materiais sostibles e sustentabilidade ambiental

“Saúde e benestar” (13, 14 e 20 de novembro): con actividades sobre educación para unha alimentación e nutrición; actividade física e ergonómica; e ferramentas para o control do estrés.

A alcaldesa agradeceu  “o traballo e interese posto pola Universidade da Coruña para facer realidade este proxecto, á súa vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Educativa e á directora da Universidade Sénior”.

A inscrición será en liña nos correos [email protected] ou [email protected] As persoas interesadas tamén se poden dirixir ao departamento de Educación, situado no casco histórico, no teléfono 981 770 011 (ext. 2111). O prazo é do 1 ao 14 de outubro.