Betanzos realiza nun restaurante betanceiro de Madrid un encontro con influenciadores gastronómicos dentro da campaña de promoción da tortilla

1310

A Tortilla de Betanzos conquistou Madrid. Coincidindo con Fitur, o Concello organizou na capital unha presentación cunha decena de blogueiros e blogueiras do mundo do turismo e a gastronomía para dar a coñecer este prato icónico de Betanzos.

Para iso, a través dunha mostra de cociña na taberna Garelos de Madrid, que rexenta o cociñeiro betanceiro, Antonio Couceiro, ensinóuselles como elaborar a tortilla de Betanzos paso a paso e convidóuselles a coñecer a cidade. Moitos confesaron que era a primeira vez que a probaban e outros se declararon auténticos seareiros dela. Especialistas en redes sociais vinculadas á gastronomía suman máis de 300 000 seguidores.

A alcaldesa María Barral xunto ao chef betanceiro Antonio Couceiro e una decena de bloggers

Foi unha acción máis dos actos que realizou estes días o Concello durante a feira de Fitur. A primeira edil explicou que se repetirá este tipo de encontros que teñen unha extraordinaria acollida en redes sociais, con alcance e impacto “que por outras vías seria imposible alcanzar”.

A alcaldesa explicoulles tamén a intención de crear un selo propio que garantirá que a tortilla que “degustamos en calquera establecemento hostaleiro de Betanzos responde as características do noso produto, é dicir, unha tortilla solta, elaborada a base de pataca, ovo, aceite de oliva e sal. A primeira edil explicou que con este selo “pretendemos distinguir entre os hostaleiros e hostaleiras de Betanzos, que utilizan produtos de proximidade da nosa comarca para a elaboración da tortilla e que levarían este selo de garantía, doutros que, non son de Betanzos, mais inclúen nas súas cartas este tipo de tortilla”.

Para este segundo grupo e nunha segunda fase do programa crearíase o denominado selo de “tortilla estilo Betanzos”.

Presentación de Semana Santa

Por outra banda, a primeira edil participou tamén na presentación da Semana Santa de Betanzos, e promocionou esta xunto ao párroco, Santiago Pérez González. Durante a presentación proxectouse un vídeo da Semana Santa que a alcaldesa resumiu en “emoción, devoción, recollemento, tradición, historia, participación, mais abrigo, silencio, o silencio das súas rúas e o respecto ás imaxes que compoñen unha Semana Santa diferente que, aos poucos, converteuse en referente en Galicia, grazas ao traballo e a colaboración que existe entre a veciñanza, os confrades, a Confraría de Semana Santa, a Igrexa e o Concello”.

Declarada Festa de Interese Turístico en 2017, a alcaldesa fixo un percorrido pola riqueza da imaxinaria que configura os distintos pasos, e que conforman un auténtico museo na rúa, con imaxes que comprenden desde o século XVI ao actual.