Betanzos inicia os contactos para que a Volta Ciclista a España pase pola cidade brigantina en 2021

681

Coincidindo coa celebración de FITUR, a Feira Internacional de Turismo de Madrid, na que Betanzos tivo un lugar destacado cunha caseta propia, a alcadesa, María Barral, trasladoulle ao director da Volta Ciclista a España, Javier Guillén, o seu interese en que a proba deportiva pase por Betanzos na edición de 2021.

Betanzos foi por última vez uno dos puntos de paso da Volta no ano 2016, edición na que os ciclistas saíron de Betanzos, e percorreron partes da cidade como a praza dos Irmáns García Naveira, o Valdoncel, o barrio da Ribeira ata o inicio do paseo do Malecón, a avenida da Coruña e tomar dirección Castro-As Angustias.

Neste sentido, a alcaldesa, María Barral, quixo destacar que “para a nosa cidade ten unha gran importancia formar parte da Volta, pola repercusión que supón economicamente para Betanzos e pola promoción que iso leva, non só a nivel nacional, senón internacional. TVE realiza unha cobertura que chega a máis de 150 países”, destacou a rexedora. “Facendo coincidir coa celebración de FITUR, puidemos conversar con Javier Guillén, ao que xa lle manifestamos a nosa intención de que esta proba pase por Betanzos en 2021. Tentaremos, pois, que este primeiro contacto se transforme nunha realidade, e non é outra que Betanzos sexa un dos puntos da Volta o ano que vén”, subliñou Barral.

No encontro tamén participou o deputado provincial José Manuel Pequeño.