O Concello abrirá ao tráfico nos próximos días a rúa do Rollo despois de concluír os traballos de arranxo da rede de fecais

454

Localizada a avaría, os servizos da empresa concesionaria tiveron que abrir unha gabia duns 8 metros, aínda que en principio prevíase realizar as obras en apenas tres metros. Á localización da avaría sumáronse traballos de inspección da tubaxe co fin de ver o estado no que se atopaba noutros tramos desta rúa.

A rúa permanecerá cortada durante uns días ao tráfico xa que aínda resta por finalizar a pavimentación e aglomerado.

Por outra banda, os traballos que levan actualmente a cabo nas rúas Tomás Dapena e Alcalde Beccaría están practicamente concluídos a falta de que a empresa poida executar as obras de pavimentación. “As choivas destes días atrasaron as obras e o poder finalizalas como era o noso propósito. A choiva vai atrasar a pavimentación que é, practicamente o única que resta do proxecto. Espérase que tamén esta semana se poidan executar os traballos de pavimentación”.

Nestas rúas melloráronse as beirarrúas, sen producir modificacións na súa anchura, agás nos ensanches proxectados para os pasos de peóns, actuando en pavimentos, renovación do trazado da rede municipal de abastecemento de auga, saneamento en tramos localizados e substitución de pintados, sinalización e equipamento urbano.

Repuxéronse as beirarrúas e os pasos de peóns e a sinalización viaria completa incluíndo as zonas de aparcadoiro.

Renovouse todo o parque de sinalización urbana sobre postes metálicos así como no caso de papeleiras e bolardos. Dotouse o viario de sinalización vertical, e sinalización horizontal. Colocáronse papeleiras de aceiro e pilonas tipo de bolardo, nos laterais da beirarrúa anexos aos pasos de peóns co obxectivo de evitar a invasión dos mesmos por parte dos vehículos. No caso dos garaxes ou vaos existentes disporanse de tipo flexible.