María Barral confirma a retirada do viario de Infesta no PXOM e comunícalle ao Ministerio de Transportes a decisión

477

A alcaldesa reuniuse con representantes veciñais tras a concentración para explicarlles o que xa avanzara hai días e amosarlles que o Concello defenderá “os intereses da veciñanza ante calquera alternativa que presente, se é que a presenta, o Ministerio”.

A alcaldesa, María Barral, recibiu a un grupo de representantes veciñais de Infesta tras a concentración que realizaron diante do Arquivo en sinal de protesta polo viario proposto hai anos polo Ministerio de Transportes que une o polígono de Piadela coa A-6 e AP-9. A primeira edil trasladoulle á veciñanza o seu claro compromiso “de retirar o viario do Plan Xeral” tal e como xa fixo público estes días. A primeira edil explicoulle á veciñanza que este mesma semana remitiu un “oficio” á Oficina do Plan, encargada da elaboración do PXOM, para que retirase o viario que no seu día propuxo o agora Ministerio de Transportes (antes Fomento).

En paralelo, indicou que mantivo unha conversa co xefe de Estradas do Estado en Galicia, Angel González, a quen lle trasladou que o Concello “en defensa da veciñanza e tendo a conta o compromiso adquirido con eles,  ía retirar o viario do plan ante a situación creada en Infesta e así llo “ía comunicar oficialmente ao Ministerio”.

“Non imos dar alternativas, porque este Concello rexeita ese viario e esa conexión. En todo caso, se o Ministerio ten interese en expolo, que o faga polas canles que ten que facelo, expondo as  alternativas ás que está obrigado. O que temos claro e así llo expresei á veciñanza é que o Concello vai estar ao lado da veciñanza e en defensa dos seus dereitos”, indicou Barral. A primeira edil comprende a preocupación dos veciños e das veciñas. “Agardei á concentración para explicar a nosa postura aos representantes veciñais e amosarlles tanto a decisión de retirar o viario do Plan, a través dese oficio, como as conversas co Ministerio de Transportes. Con respecto á concentración e non quería influír en que visen ou cresen que  estas explicacións tiñan como obxectivo desconvocala. Todo o contrario. Agardamos a que o fixesen e despois explicámoslles a verdadeira situación que se resume en que non haberá viario”.

María Barral insistiu no respecto que “merece a veciñanza” e en “comprender a súa preocupación”, aínda que “coido que, como sempre, algúns grupos políticos aproveitan para confundir e manipular, para sacar proveito de algo que, insisto, non ten desenvolvemento ningún. Coa retirada deste viario a algúns se lles acabou o discurso e a manipulación”.

A alcaldesa lembrou que nese terreo da manipulación “hai que lembrar que o PP se deu conta tamén agora da existencia dese viario cando, con todo, participou na redacción do Plan non só no que levamos de mandato, senón tamén no mandato anterior. En total asistiu a máis de 15 reunións, para tratar os temas que afectaban o plan xeral e confeccionar o borrador do documento. Tivo sempre á súa disposición ao equipo redactor. Tivo o borrador do Plan en abril de 2020, e o avance do plan, este que agora está en exposición pública, o 21 de xullo, dous meses antes de levalo a aprobación plenaria. E a pesar de todo iso, falan de ocultismo e falta de transparencia”.