O parque do Pasatempo recibe 1,5 millóns de euros para o seu proxecto de recuperación a través de Fondos Europeos

315

O proxecto de recuperación do parque do Pasatempo contará con 1,5 millóns de euros de fondos europeos a través do Plan Nacional Turístico Xacobeo 21-22. Así o comunicou a alcaldesa, María Barral, xunto co delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e representantes do Plan Xacobeo tras unha reunión mantida en Santiago entre as tres administracións.

 

 

A primeira edil expresou a súa satisfacción porque “esta nova cantidade é froito dun traballo realizado durante moito tempo tocando portas de diferentes administracións para trasladar a importancia deste proxecto, a importancia de recuperar unha xoia histórica de especial relevancia, non só para Betanzos  senón para Galicia”.

Froito desas conversas, agora Betanzos pode “incorporar este proxecto ao plan Turístico Xacobeo 21-22, co apoio do Goberno de España e de Turismo da Xunta como Ben de Interese no Camiño”. Neste sentido, a alcaldesa lembrou que “en varias ocasións trasladei ao delegado do Goberno, José Miñones, a importancia de incluír o proxecto nalgún dos plans de recuperación, a través de Fondos Europeos, para darlle ese empurrón que nos facía falta e completar a achega da Deputación; esa sensibilidade polo parque da Delegación do Goberno, que sei que non vai acabar aquí, con este compromiso de hoxe, sumado tamén, teño que dicilo, á preocupación da Dirección xeral de Turismo, coa súa directora á fronte, Nava Castro, con quen mantemos unha estreita relación, e que coñece perfectamente o noso proxecto e intencións sobre o parque, fixo posible que hoxe podamos dar un paso máis, un paso moi importante, levándonos desta reunión  o compromiso de investir 1,5 millóns”.

A primeira edil lembrou que esta achega dos Fondos Europeos súmase aos 750.000 euros que no seu momento asinaron a través dun convenio o Concello e a Deputación e cuxas obras se están executando nestes momentos, centradas en actuacións de urxencia que recolle a primeira fase de restauración e conservación do estanque do Retiro na que se investirán uns 485 000 euros. Ademais, indicou que “seguiremos nesa liña, buscando novos programas no que incluír o Pasatempo para poder desenvolver os traballos de recuperación que se incluirán no Plan Director que se está redactando nestes momentos”.

A primeira edil confía tamén en que a Xunta, ademais da redacción do Plan Director “destine ao parque algunha partida de fondos propios como no seu día fixo a Deputación Provincial e, entre todas as achegas, reunir o orzamento necesario ata cubrir o custo da recuperación integral do parque”.