O Concello abre de novo o Alfonsetti cun programa de proxeccións que se prolongará ata o maio/xuño de 2021

629

Volve o cinema ao Alfonsetti co seu habitual ciclo de películas de outubro a maio/xuño do 2021. Cinema para persoas adultas e rapaces e rapazas, o venres e os domingos, que comezará este mes con películas relacionadas coa música. Tras varios meses pechado como consecuencia da Covid-19, o Concello porá en marcha o cinema cunhas medidas especiais canto ao distanciamento social e o control de saídas e entradas a sala, adaptará a capacidade tamén a esta nova situación e reduce as 240 butacas a preto da metade. Unha cantidade que se podería variar en función da situación epidemiolóxica.

Haberá en todas as proxeccións entrada de balde ata completar a capacidade da sala. As sesións comezarán este venres, ás 20.00 h,  coa proxección da película  “Moulin Rouge” (Baz Luhrmann, 2001).

Continuará o domingo, ás 18:00 h, coa película para público infantil “High School Musical” (Kenny Ortega, 2006). O venres 16, ás 20:00 h con “I´m not there” (Todd Haynes, 2007). O domingo 18, ás 18:00 h coa proxección da película para público infantil “High School Musical 2” (Kenny Ortega, 2007) e o venres 23 con “Bohemian Rhapsody” (Bryan Singer, 2018), para seguir o domingo 25 con “High School Musical 3” (Kenny Ortega, 2008).          

Estas primeiras proxeccións de outubro rematarán o venres 30 ás 20:00 h con “Yesterday” (Danny Boyle, 2019).