O XI Festival Vai de Rúa encheu Betanzos de teatro, circo e espectáculos para todos os públicos.

17

O Concello de Betanzos pechou con éxito a undécima edición do Festival de Artes Escénicas na Rúa “Vai de Rúa”, que durante as xornadas do 24 ao 26 de xullo converteu as rúas e prazas da cidade en escenarios ao aire libre cunha ampla programación de teatro, circo e espectáculos para todos os públicos.

O festival arrancou o venres coa representación itinerante de “O estraño caso do dentista da rúa Brasov”, da compañía Troula Animación, que percorreu distintas rúas do casco urbano achegando o teatro á veciñanza e ás persoas visitantes. A actuación estivo incluída no programa Cultura no Camiño 2026, promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.

A programación continuou o sábado cun intenso día de actividades. Pola mañá, a Alameda José Veiga Roel acolleu “As aventuras de Jazzy e Blusy”, de Gallaecia Eventos, tamén integrada no programa Cultura no Camiño. Xa pola tarde, a praza da Constitución foi o escenario de “Monte”, de Laboratorio Escénico, e posteriormente do espectáculo “5.0”, da artista Sue Moreno, que reuniu a numeroso público.

O domingo púxose o broche final ao festival coa representación de “Charlatán Rodríguez”, da compañía Rendos Pequeno, na Alameda José Veiga Roel, e coa actuación de “Enredos”, de A Vela Circo, na praza da Constitución, un espectáculo incluído na Rede Cultural da Deputación da Coruña que serviu para clausurar tres días de intensa actividade cultural.

Ao longo de toda a fin de semana, centos de persoas participaron nas distintas propostas, consolidando unha vez máis o Festival Vai de Rúa como unha das principais citas culturais do verán en Betanzos. A iniciativa permitiu achegar as artes escénicas ao espazo público, dinamizando as rúas e prazas da cidade e ofrecendo unha programación gratuíta e de calidade para públicos de todas as idades.

O Festival Vai de Rúa está organizado polo Concello de Betanzos, coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais, da Deputación da Coruña, entidades que contribúen a facer posible unha programación cultural diversa e aberta á cidadanía.