A XXIII Semana Internacional de Cine de Betanzos pecha cunha homenaxe a Ángel de la Cruz e anuncia a Mabel Rivera como protagonista da edición de 2027

9

A XXIII Semana Internacional de Cine de Betanzos puxo onte o seu broche final coa gala de clausura celebrada no Cine Alfonsetti, na que o cineasta e guionista Ángel de la Cruz recibiu a homenaxe da presente edición. A xornada estivo marcada tamén pola última sesión de proxeccións e pola tradicional alfombra vermella, que reuniu a público, profesionais do audiovisual e representantes institucionais.

O acto serviu para recoñecer a traxectoria de Ángel de la Cruz, un dos nomes máis destacados do audiovisual galego, autor dunha ampla carreira como guionista, director e produtor, cunha importante contribución ao cinema de animación e ao cine feito en Galicia.

Durante a gala, a alcaldesa de Betanzos, María Barral Varela, anunciou ademais quen será a protagonista da XXIV Semana Internacional de Cine de Betanzos, que se celebrará en 2027. A homenaxe recaerá na actriz galega Mabel Rivera, unha das intérpretes máis recoñecidas do panorama audiovisual, gañadora do Premio Goya á mellor interpretación feminina de reparto pola súa participación en Mar adentro e distinguida tamén co Premio da Cultura Galega das Artes Escénicas, entre outros importantes recoñecementos ao longo da súa carreira.

Con este anuncio, o Concello de Betanzos comeza xa a preparar a vindeira edición dun certame que, ano tras ano, continúa consolidándose como unha das citas culturais máis destacadas do verán galego, achegando á cidade a figuras de referencia do cinema e promovendo o encontro entre profesionais, público e novas creacións audiovisuais.

A XXIII Semana Internacional de Cine de Betanzos despídese así tras varios días de proxeccións, encontros e actividades que volveron converter o Cine Alfonsetti no epicentro da cultura cinematográfica, reafirmando o compromiso do Concello coa promoción do cine e co apoio á creación audiovisual.

📸 Galería de imaxes: Gala de clausura da XXIII Semana Internacional de Cine de Betanzos e entrega da homenaxe a Ángel de la Cruz.