O Concello abre o prazo para participar na elaboración dunha “balconada” feita por distintas xeracións de persoas usuarias do Museo, Biblioteca e Servizos Sociais

7

O Concello mantén aberta, dende o pasado 17 deste mes, o prazo de presentación de Balconadas, o certame bienal que organiza xunto coa Fundación Villuendas Pena, e que este ano chega á XVII edición.

En paralelo, e por primeira vez, os departamentos de Servizos Sociais, o Museo e a Biblioteca, uniranse para, a través dos programas que desenvolven, os primeiros con persoas maiores, dentro do programa Betanzos Acompáñate, e os segundos (Museo e Biblioteca) con persoas de todas as idades, usuarios e usuarias destes servizos, crear conxuntamente unha “balconada” para participar na edición deste ano.

Trátase dunha actividade que se desenvolverá os días 1, 2 e 3 de xullo na que haberá achegas de persoas de varias xeracións, con intercambio de experiencias e colaboración para unirse a través da arte e facer “unha obra que represente a todos os colectivos”. Antes, o día 28 de xuño, as persoas que participen na actividade terán un primeiro contacto cunha visita guiada á Fundación CIEC de gravado.

As persoas interesadas poderán inscribirse previamente durante esta semana [email protected]

O Concello lembra que o prazo de admisión de obras remata o día 5 de xullo. Poderán participar maiores de idade de calquera nacionalidade que non conseguiran premio nas dúas edicións anteriores e con obras que non foran premiadas anteriormente en ningún outro concurso ou certame.

As obras poden ser verticais ou horizontais cunhas medidas mínimas de 120×160 cm e máximas de 150×200 cm. Terán  soporte flexible (lenzo, tela de saco, lona, plástico, etc) sen partes ríxidas que poidan cuartearse o desprenderse coa acción do vento e con produtos inalterables á acción da auga.

Os premios serán un primeiro, dotado con 5 000 euros, e dous  accésits dotados cada un deles con 1500 euros.

O xurado do premio valorará as obras segundo a calidade artística do traballo, a técnica utilizada adecuada ao contorno expositivo, a  orixinalidade da obra, a innovación, a forza expresiva e creatividade do autor ou autora.

As obras estarán expostas do 24 de xullo ao 1 de setembro nos balcóns. A entrega de premios será o 13 de agosto.