Betanzos convoca unha nova edición da Bienal de Balconadas cun primeiro premio de 5000 euros

72

O Concello de Betanzos, xunto coa Fundación Manuel Villuendas Pena, convoca este ano a XVII Bienal de Pintura de Balconadas coa que as rúas do centro histórico betanceiro volverán converterse así un ano máis en “museo ao aire libre” con obras pictóricas nos balcóns das vivendas da zona.

Trátase dun certame único tanto polas súas características como polo marco no que se celebra, consolidado no tempo, que recibe traballos non só de todas as rexións de España senón de países de Europa e, especialmente, Sudamérica.

Na Bienal poderán participar todos os artistas maiores de idade de calquera nacionalidade que non obtivesen ningún premio nas dúas edicións anteriores e con obras que non fosen presentadas anteriormente en ningún outro concurso ou certame.

As bases do certame, dispoñibles na web www.balconadas.betanzos.net, prevén que as obras poidan ser  verticais ou horizontais, cunhas medidas mínimas de 120×160 cm e máximas de 150×200 cm. Terán un soporte flexible (lenzo, tea de saco, lona, plástico, etc) sen partes ríxidas que poidan cuartearse ou desprenderse coa acción do vento e con produtos inalterables á acción da auga.

Para descargar a folla de inscrición e as bases do concurso prema aquí

O prazo de admisión de orixinais será de 17 de xuño a 5 de xullo. Establécense os seguintes premios que serán aboados pola Fundación Manuel Villuendas Pena: Primeiro premio indivisible, dotado con 5000 euros. Ademais haberá dous accésits dotados cada un deles con 1500 euros.

O xurado do premio valorará as obras segundo a calidade artística do traballo, a técnica utilizada adecuada á contorna expositiva, a orixinalidade da obra, a innovación, a forza expresiva e creatividade do/a autor/a. O xurado, composto por distintas personalidades do mundo da arte, farase público con anterioridade á súa reunión no taboleiro de anuncios e na páxina web do Concello (www.betanzos.gal).

As obras estarán expostas de 24 de xullo a 1 de setembro nos balcóns, reservándose a Dirección da Bienal a decisión de aumentar o tempo de exposición.

A entrega de premios será o 13 de agosto.