Cinco persoas aspiran a ser este ano representantes das festas de agosto. Unha vez concluído o prazo de presentación de candidaturas, o Concello fará o vindeiro día 27 ás 12:00 h no salón azul do edificio Arquivo, o sorteo para elixir ao representante maior.
Para a categoría de representante infantil houbo unha solicitude polo que non se fará sorteo.
Esta figura de “representante maior” e “representante infantil” substituíu o ano pasado a figura da raíña das festas. Así, calquera persoa ou grupo de persoas, sexa cal sexa o seu xénero poden ser representante ou representantes das festas patronais.
Ao proceso puido presentarse calquera persoa ou grupo de persoas, ben a título individual, ben a través dunha entidade betanceira (club, asociación…), sexa cal sexa a súa orientación sexual ou identidade de xénero e sempre e cando se cumpran unha serie de requisitos.
Para o/a representante maior: estar empadroado/a en Betanzos, ter 17,18 e 19 anos no ano en curso e non ter sido representante con anterioridade.
Para o/a representante menor: estar empadroado/a en Betanzos, ter 8 ou 9 anos no ano en curso e non ter sido representante con anterioridade.
A persoa elixida por sorteo poderá levar a vestimenta e as cores coas que desexe participar no desfile sempre que sexa acorde a unha celebración. A disposición da comitiva dos desfiles dos días 14, 15 e 16 de agosto será tamén a que elixa a persoa representante, sempre que sexa compatible coa do propio desfile, (é dicir, as persoas poderán ir de dúas en dúas, en grupo de tres, de catro…). A comitiva da/s persoa/s representante/s terá un máximo de 24 integrantes.
O Concello non organizará ningunha cea vinculada á elección da persoa ou persoas representantes das festas. Se as persoas organizan algún tipo de celebración privada poderán solicitar, igual que calquera outra veciña ou veciño a cesión dun local público para facela.









