O Concello de Betanzos vén de facer pública a composición do xurado que avaliará as obras participantes na XVIII Bienal de Pintura Balconadas, unha das citas culturais máis emblemáticas da cidade, que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto en colaboración coa Fundación Manuel Villuendas Pena.
O xurado estará integrado por profesionais de recoñecido prestixio vinculados ao ámbito das artes plásticas, cumprindo co establecido nas bases da convocatoria, que prevén a participación de personalidades do mundo da arte que non formaran parte do xurado na edición anterior.
A dirección da Bienal e a presidencia do xurado recaen en María Isabel Pintado Palacio, pintora. Como secretario, con voz pero sen voto, actuará Daniel Loza Martínez, técnico de Cultura do Concello de Betanzos.
Completan o xurado como vogais:
- María Emilia Vázquez Rozas, pintora.
- Carlos Pereira Martínez, historiador e pintor.
- Pedro Bueno Salto, pintor.
- Julio Luis García Rivas, pintor.
- Sara Pérez Bello, galerista.
A Bienal Balconadas constitúe un referente cultural consolidado desde 1986 e converte cada edición o casco histórico de Betanzos nun singular espazo expositivo ao aire libre, onde as obras de artistas de diferentes procedencias dialogan co valioso patrimonio arquitectónico da cidade. Esta iniciativa representa unha importante ferramenta de promoción cultural e proxección internacional de Betanzos.
O Concello agradece a colaboración e dispoñibilidade das persoas que integran o xurado e deséxalles un excelente labor na valoración das obras que formarán parte desta décimo oitava edición da Bienal, un evento que volverá converter Betanzos nun punto de encontro da creación artística contemporánea.
Para ver a convocatoria oficial do xurado da XVIII Bienal de Pintura Balconadas preme AQUÍ











