O Concello de Betanzos pon en marcha a campaña as mulleres somos moito…NO Deporte betanceiro

116

O Mes da Muller contará en Betanzos con diversas actividades municipais en conmemoración do 8 de marzo, centradas en poñer en valor o papel das mulleres no ámbito deportivo, pero tamén en visibilizar a referentes femininos dentro do deporte betanceiro.

A programación comeza o día 6 coa narración oral Conversas cunha heroína na que se ofrece ao público escolar un paralelismo escénico entre os séculos XVI e XXI, onde unha heroína de guerra, María Pita, e unha árbitra de fútbol expoñen os obstáculos aos que se enfrontan para acadar as súas metas.

O venres 8 desenvolverase o Escape Room pola igualdade, ateigado de probas e retos para a mocidade, na busca dunha experiencia única que achegue á xente nova a unha sociedade equitativa e libre de violencias.



Na fin de semana haberá dúas citas ineludibles; o sábado 9 chega unha nova edición do Roteiro Betanzos en Feminino, imprescindible para realizar un percorrido histórico pola importante impronta das mulleres na vida da cidade; e o domingo 10 a entrega do Premio Úrsula Meléndez de Texeda a Consuelo Carro Veiga, en representación de todas as mulleres anónimas que vincularon a súa traxectoria ao mundo dos coidados, sostén da nosa sociedade.

Completan a programación polo 8M o Obradoiro Muller TIC os días 13 e 14, como estratexia de apoderamento dixital; e a entrega o xoves 14 do Distintivo Muller Emprendedora 2023, para aquelas mulleres que se puxeron ao fronte dun negocio o ano anterior.

O acto central da campaña, o Encontro de Deportistas Betanceiras, terá lugar o venres 15, a través dunha proxección homenaxe e dun faladoiro no que algunhas das nosas deportistas compartirán as súas experiencias.

Nas redes sociais municipais desenvolverase tamén a Exposición Virtual O Deporte con A, rescatando diferentes materiais de arquivo vinculados co deporte feminino doutras épocas.

Por último, no ámbito educativo o Concello de Betanzos colabora coa Deputación Provincial da Coruña na execución do Programa interxeneracional Mulleres do pasado, semente de futuro, poñendo o foco nas inestimables achegas das avoas.