Caída parte fachada na rúa Santiago

47

Os servizos técnicos municipais supervisarán os restos da fachada da vivenda que se derrubou na madrugada do pasado sábado na rúa Santiago, no centro histórico. Tratábase dunha fachada sobre a que recaía unha orde de execución de 2022 que o propietario non executou.

Os restos caídos sobre a vía causaron danos en vehículos polas salpicaduras das pedras. A rúa permanece cortada ao tráfico e ao longo do día retiraranse os restos de pedras, ben por parte do propietario do inmoble ou, na súa falta, polo Concello de forma subsidiaria.

O persoal técnico supervisará a situación do inmoble para determinar as posibles actuacións que teña que levar a cabo o propietario.

O Concello explicou que con base ao informe dos servizos municipais tomará as medidas que correspondan, mesmo a nivel xurídico, por unha situación que “non é admisible” e da que tanto neste como noutros moitos casos os propietarios dos inmobles son“conscientes e non fan o que lle corresponde como se especifica as ordes de execución”.

Sancións

Urbanismo indicou que desde hai semanas o persoal técnico municipal está a realizar unha inspección das vivendas do centro histórico que se atopan en malas condicións, reactivando expedientes administrativos con sancións coercitivas en varias propiedades situadas en rúa da Mariña, a Rúa Nova ou Travesa co fin de que se tomen medidas por parte dos “donos ante o risco no que se atopan pola deterioración constante dos inmobles”.