O Concello esixe á Xunta a substitución urxente da cuberta do pavillón do Vales Villamarín despois de que queda limitado o uso das instalacións por constantes filtracións

257

O Concello elevará á Consellería de Educación “por enésima vez” unha nova petición de arranxo da cuberta do pavillón do colexio Vales Villamarín. A situación é “insostible” para este curso e “ou se acomete unha substitución urxente da cuberta ou haberá que pechar as instalacións”, explicou a alcaldesa, María Barral, quen indicou que “de feito, algunhas das actividades previstas xa non se poden impartir nestes momentos”.

E é que a situación da cuberta provoca constantes pingueiras na pista, non nunha zona determinada, senón “en varias zonas de importantes dimensións que fai impracticable calquera disciplina deportiva”

Durante estes anos, o Concello tentou paliar dalgunha maneira estas deficiencias, pero xa non hai alternativas. “Non é un problema de mantemento, nin de falta de mantemento, é un problema de desgaste que, para resolvelo, é necesario acometer, como mínimo, un cambio da cuberta do polideportivo, substitución que, como outras actuacións no colexio, depende da Xunta”, indicou a primeira edil.

A situación non só afecta o desenvolvemento das clases de educación física ou outras especialidades deportivas senón tamén á actividade de clubs da cidade que utilizan as instalacións como o Club de Baloncesto Santo Domingo, que ante a deterioración de pavillón e os problemas constantes de pingueiras terá que buscar outras instalacións para disputar as competicións.

A alcaldesa ten pendente unha reunión co conselleiro, solicitada hai semanas, no inicio deste mandato, unha reunión que foi exposta por cuarta vez, despois de que as tres anteriores quedasen no esquecemento. “Temos vontade de colaborar coa Xunta, pero é a ela a quen lle corresponde destinar dunha vez por todas os recursos económicos necesarios para abordar as obras non só no pavillón senón no colexio”, afirma Barral.

A primeira edil confía en que a Xunta, por fin, cumpra e ante esta situación que afecta por centos de alumnos poña os medios para acometer a obra tanto no pavillón como tamén no colexio que segue pendente da reforma do segundo bloque coa substitución de xanelas,  illamentos, a renovación de aulas, servizos, ou a ampliación da zona de comedor.

Barral explicou que o “deixamento” de funcións da Xunta en materia educativa e os recortes levaron a que os concellos, e o de Betanzos non é unha excepción, asuman “funcións que non lle corresponden”. Neste sentido, apuntou os servizos de comedor e madrugadores aos que se apuntaron máis das metade do alumnado do colexio, máis de 500 nenos e nenas, para o que, ante a falta de “espazos ao non habilitar nin ampliar a Xunta a zona de comedor correspondente, houbo que facer quendas” co fin de que todos os escolares poidan gozar deste servizo.