Betanzos levará a Pleno o xoves unha nova ordenanza municipal para potenciar a revitalización urbanística, en especial, do centro histórico 

178
Rúa Roldán no centro histórico de Betanzos
O Concello tratará o vindeiro mércores en Pleno a aprobación da nova ordenanza municipal de Betanzos de rehabilitación e conservación de inmobles que vén sumarse a outra serie de accións postas en marcha para continuar fomentando e potenciando a revitalización urbanística, social e económica do centro histórico, en especial, pero tamén de calquera outra zona con inmobles de importancia histórica e arquitectónica merecedores de protección patrimonial.

 

A alcaldesa, Maria Barral, explicou que o  obxectivo principal é facilitar a rexeneración de todo o importantísimo patrimonio edificado de Betanzos e continuar sentando as bases para fomentar a súa recuperación e posta en valor, establecendo para iso unha regulación normativa máis simple e áxil que permita a todos os implicados na conservación e rehabilitación de terreos, construcións e edificios, mantelos en estado de seguridade, salubridade, funcionalidade e ornato público, garantíndose así as condicións requiridas para a súa habitabilidade e uso efectivo, establecendo unha serie de medidas polo incumprimento das devanditas obrigacións e garantindo, ao mesmo tempo, novas medidas de supervisión e colaboración administrativa máis actualizadas para favorecer o cumprimento deses deberes de conservación dos inmobles. Todo iso coa finalidade fundamental de continuar poñendo ao dispor dos cidadáns unha serie de ferramentas destinadas a frear a progresiva deterioración e abandono do patrimonio histórico arquitectónico de Betanzos.

 

A ordenanza regulará con máis detalle a avaliación das condicións básicas de accesibilidade universal e non discriminación das persoas con discapacidade para o acceso e utilización dos edificios, a certificación da súa eficiencia enerxética e, en edificios catalogados e declarados bens de interese cultural (BIC), a avaliación do estado de conservación dos elementos merecedores da devandita protección.

 

Con esta nova Ordenanza introdúcense novas medidas destinadas a axilizar e simplificar a tramitación dos procedementos administrativos a nivel municipal, precisando ademais a documentación que as persoas interesadas deben presentar coas súas solicitudes e incidindo no cumprimento por estas dos requirimentos impostos pola recente normativa de administración electrónica e logrando, do mesmo xeito, deslindar os asuntos de competencia municipal dos que deben tramitarse na vía civil.

 

Establécese o inventario municipal dos inmobles respecto dos cales se dite a declaración de incumprimento dos deberes de conservación ou rehabilitación, establécense claramente as bases aplicables nestes casos e introdúcense para iso novas medidas que regulan a súa venda forzosa como sistema de actuación elixido, dando tamén cumprimento ás obrigacións rexistrais dentro destes procedementos para a declaración legal dos referidos incumprimentos.

 

Igualmente incídese en precisar e desenvolver as cuestións que a nova normativa autonómica sobre o Informe de Avaliación de Edificios (IEE), que substitúe á anterior Inspección Técnica de Edificios (ITE), deixou ao criterio municipal, atribuíndolles aos concellos a competencia para velar polo cumprimento da obrigación de redactar estes informes.

 

Con estas e outras medidas recollidas nesta nova Ordenanza de rehabilitación, preténdese unificar nun único documento normativo todas as regulacións municipais con incidencia na rehabilitación de inmobles, o cal debería supoñer co transcurso dos próximos anos, que se alcance un maior control e eficacia na materia e iso traia consigo, á súa vez, unha considerable redución no número de procedementos de reparación de deficiencias e de declaracións de ruína, contribuíndo a mellorar o estado de conservación e mantemento dos inmobles de Betanzos.