O Concello inicia a repartición dunha trintena de encamiñadores para que os alumnos e as alumnas das familias con menores recursos de primaria, secundaria e bacharelato poidan seguir os seus estudos durante a Covid-19.

682

O Concello pechou a compra dos equipos de conexión a internet para que os alumnos e as alumnas de primaria, secundaria e bacharelato poidan seguir a aprendizaxe a distancia durante o confinamento pola Covid-19 nas súas vivendas. Trátase de equipos encamiñadores de conexión de 4G e con suficiente capacidade de datos para “contribuír á mellora da comunicación de sectores máis desfavorecidos e con menos accesibilidade a Internet”. Os equipos, adquiridos a unha empresa de telefonía local, á que tamén se lle pagará a cota mensual durante os próximos meses. Os equipos foron distribuídos por Protección Civil. Durante o día de hoxe entregáronse sobre 20 equipos e mañá levarán os restantes.

Aínda que non é unha competencia municipal, a alcaldesa, María Barral,  explicou que “o Concello non pode permitir que o alumnado de Betanzos non poida seguir a aprendizaxe normal do curso escolar por carecer de conexión a internet. Trátase de familias con menos recursos que non poden afrontar o pagamento dunha conexión a internet nas que os seus fillos e fillas, por tanto, alumnado de centros educativos de Betanzos, non pode seguir o desenvolvemento normal do curso escolar”.

A primeira edil indicou que esa é a razón pola que “aínda non sendo a nosa competencia, non podemos quedarnos parados e por iso buscamos solucións”. Tras falar con todos os centros públicos e concertados de Betanzos, desde estes colexios e institutos informouse ao Concello dos alumnos e alumnas que “por estas circunstancias non podían seguir con normalidade o curso”, máis cando se prevé que a volta aos colexios non será a curto prazo e que os estudos desta terceira avaliación serán en liña. A partir de aí, o Concello púxose en contacto con diferentes operadores que puidesen prestar o servizo canto antes. “Sabemos que o Goberno coas comunidades autónomas van dotar dalgún dispositivo, para estes casos a partir de secundaria,  pero non está determinado nin o número nin cando”.

Isto fixo que polas características que o Concello buscaba, se pechase un acordo cun operativo de telefonía local betanceiro ao que o Concello lle comprou os equipos e pagará mensualmente as conexións a internet destes alumnos e alumnas para facilitarlles os seus estudos. “Farémolo, en principio durante tres meses. Se é necesario ampliar o tempo, ampliarémolo”, indicou a primeira edil. En principio, son sobre unha trintena os escolares que non tiñan internet para seguir os seus estudos. “Os equipos entregaránselle a próxima semana ao alumnado  para que se poñan ao día canto antes”. En principio, tamén se lles cederán equipos informáticos por parte doutros entes, co que “terán todo para poder seguir estudando”.  O obxectivo é reforzar o plan de docencia en liña, que os estudantes non perdan coñecementos  e que esta situación non acabe sendo un lastre para o seu futuro.