O Concello convoca un certame especial de “balconadas” durante o confinamento

664

Ao longo dos vindeiros días a veciñanza de Betanzos poderá colgar nas súas ventás ou balcóns a súas “balconadas”. O Concello comezou hoxe un certame especial de Balconadas para transformar Betanzos nestes días nun museo ao aire libre. Para iso propoñemos que fagamos xuntos e xuntas unha edición especial das nosas #Balconadas.

Para ver a páxina web de anteriores ediciones do certame bienal Balconadas prema aquí

Como se sabe, o Concello é referente cultural ao converter cada dous anos as súas rúas do casco histórico nun museo ao aire libre con obras feitas sobre tea que chegan de distintas partes do mundo e a práctica totalidade das comunidades autónomas. Un certame que ten unha cita con Betanzos cada dous anos e que, precisamente, este ano chegaría a edición 17. En 2019 tivo lugar unha edición especial con motivo do 800 aniversario da cidade, centrada nesa conmemoración aínda que convocatoria foi sempre de carácter libre en todas as edicións.

Nestes momentos, o Concello proponlle aos veciños e veciñas que fagan unha balconada con cousas que teñan na casa. Unha peza de tea que se poida usar para facer a unha proposta artística en familia. Un anaco dunha saba vella, unha camiseta que xa non se use, e todo en calquera soporte, textura, cores e pinceis. Con todo iso o que se pide e “buscar a inspiración para darlle forma á vosa balconada”.  O premio é transformar xuntos a cidade nunha exposición artística colectiva para que cando por fin “poidamos saír de casa atopemos unhas rúas cheas de cor e arte”.

Esta iniciativa súmase a outras que o Concello ten en marcha para facer máis levadíos estes días como o ‘BetanHeroes’ e ‘Debuxa desde a casa’. O primeiro está enfocado a nenas e nenos entre 3 e 8 anos, e trata de enviar debuxos daqueles e daquelas profesionais que están a ser superheroes nesta crise sanitaria: os heroes e as heroínas betanceiras. Deben enviarse como mensaxes directas ás redes sociais do Concello de Betanzos. O segundo, ‘Debuxa desde a casa’, xa fora promovido hai varias semanas e os debuxos pasan a converterse en portada das redes sociais do Concello. Os nenos e as nenas que participen levarán de premio unha camiseta do Concello.