O goberno local reorganizará os orzamentos para reforzar as partidas sociais e estuda medidas para implantar no sector do comercio e a hostalaría

779

Traballar no escenario que vén, tanto nos aspectos sociais como nos económicos. “Esa é a nosa máxima preocupación nestes momentos, buscar fórmulas para axudar a quen máis o necesita. Desde o punto de vista social, como xa estamos a facer, e desde o punto de vista económico dirixido a sectores como o comercio, a pequena empresa e a hostalaría”. A alcaldesa, María Barral, explicou hoxe que nesa folla de ruta trazada “traballan os departamentos de de Secretaría e Intervención, co fin de establecer criterios e medidas que podamos aplicar, sempre baixo as normativas legais que debemos cumprir”.

Neste sentido, indicou que o que “temos que ter os pés no chan e non crear falsas expectativas. Na situación na que, por desgraza, nos atopamos, xerada por esta crise sanitaria,  existen interrogantes canto aos criterios e formas á hora de poder establecer axudas dentro do marco legal. Por iso é polo que cando anunciemos as medidas, que as haberá, dirixidas a varios colectivos, e para as que buscaremos o consenso de todos os grupos políticos, farémolo coa seguridade de que esas axudas as poderemos levar a cabo desde a Administración local”.

Así, á marxe das medidas de axudas directas que se poderán establecer, o que si se vai a facer é unha revisión das ordenanzas e taxas municipais, especialmente das que poden afectar máis directamente aos comerciantes e hostalaría. Como paso previo, haberá algunhas taxas concretas que si o goberno local xa avanzada que non vai cobrar como, por exemplo, as terrazas de hostalaría, un dos sectores máis castigados e que ten un papel destacado na economía local. Ademais, revisarase os recibos da auga e de recollida de residuos co fin de que non se lle cobren estes servizos durante o período de estado de alarma e, por tanto, de paralización de actividade, tanto aos locais de hostalaría como ao resto da actividade comercial que non puido abrir.

María Barral indicou que ademais das xa anunciadas taxas da escola infantil, o conservatorio, as instalacións deportivas, o comedor escolar ou o servizo de mañanceiros, que lles serán compensadas ás persoas usuarias por este tempo de confinamento, anunciou tamén que outro dos  colectivos ao que non se lle cobrará será ao das feiras dos días 1 e 16.

A alcaldesa tamén anunciou unha reorganización dos orzamentos municipais canto ás partidas de gastos co fin de reforzar as de ámbito social. Todos os programas de axudas neste ámbito serán reforzados.