O Pleno aprobou por unanimidade a proposta do grupo de goberno de manter a exención durante 2021 de diversas ordenanzas fiscais para contribuír, na medida do posible, a paliar a situación dos autónomos e das pequenas empresas e de familias que tamén se viron afectadas por esta crise sanitaria e económica como consecuencia do COVID-19.
Así o goberno local manterá esa exención naqueles impostos municipais nos que legalmente o Concello pode realizar cambios e que se sumarán ás axudas directas que recibirán tanto os autónomos e pequenas empresas que cesaron a súa actividade durante o estado de alarma ou cuxa facturación se reduciu de forma considerable pola situación do mesmo.
O Concello manterá para 2021 unha bonificación total aos emprendedores e autónomos que queiran iniciar unha actividade, como se recolle na taxa por servizos urbanísticos por outorgamento de licenzas de apertura de establecementos. Neste mesmo sentido, tamén se bonificará totalmente a ordenanza fiscal reguladora da taxa por outorgamento de licenzas urbanísticas a emprendedores e autónomos que queiran iniciar unha actividade ou mellorar as súas instalacións.
Tamén se manterá na súa totalidade a taxa de terrazas para paliar o impacto económico provocado polo peche dos negocios.
Outra das ordenanzas que se manterán será a de entrada de vehículos desde a vía pública cunha bonificación total para as microempresas ou autónomos que teñan domicilio fiscal da actividade en Betanzos e que a actividade que desenvolven vísese afectada polo peche de actividade ou reducida a súa facturación pola Covid.