Convento das Donas, situado na zona das Cascas

O goberno local adxudicou na súa última xuntanza os traballos de reconstrución do convento das Donas, considerada a edificación máis antiga de Betanzos. A actuación alcanzará os 372.700 euros, financiados entre a Deputación e o Concello, cunha achega, a  municipal, de máis de 200.000 euros. Con este proxecto intentarase “devolverlle vida a unha peza singular, o dereito a ser usado e entendido como espazo público de uso”, segundo explicou a alcaldesa,  María Barral, ao final da xuntanza do goberno local. “Será unha obra singular, unha aposta deste goberno por recuperar o patrimonio para o uso da veciñanza, unha construción que será un referente polo que significa para Betanzos”, indicou.

A proposta técnica ten como obxectivo conseguir un espazo que sexa referencia, non polo seu tamaño, senón por devolverlle o valor que a construción representou na contorna e para as xentes daquela época. Un espazo que dote de carácter ao conxunto sen alterar o volume e o revalorice, que permanece dende a orixe da construción, expresou María Barral.

O proxecto inclúe uns criterios da intervención que se poden resumir en: conservar todo aquilo que se recoñece como parte da edificación conventual e eliminación de aditamentos que co tempo se lle foron engadindo sen criterio e que se atopan ademais en ruína; conservar testemuñas das diferentes épocas e usos que tivo o monumento; devolverlle ao conxunto a posibilidade de uso e completar o existente cos servizos necesarios, distinguindo claramente unha nova edificación  da existente.

Os usos que a actuación proxecta para este inmoble están en relación coa poboación da contorna, adaptada ás súas necesidades. Contémplase a creación de espazos onde as actividades de lecer, estudo, exposición e convivencia, colectivas en xeral, se poidan desenvolver. O programa tradúcese na creación dun centro sociocultural, con dúas salas de uso múltiple.

Estes obxectivos se concretan en conseguir un espazo representativo na parte oeste, que se mantería: o corpo principal do conxunto, orixinariamente de dous andares que non chegaron a nós, proponse limpalo e deixalo como unha sala única, a dobre altura, acorde co novo uso multifuncional, fronte ao seu uso orixinal de dependencias domésticas, e nun intento, ademais, de “monumentalizar” e facer recoñecible o seu valor histórico.

Recuperar o concepto de patio: á hora de propoñer espazos complementarios que fixesen utilizable a edificación existente e lle desen sentido ao restos atopados, o proxecto propón un patio, tal e como o conxunto tiña no orixe, e resulta propio da tipoloxía conventual ou de pazo. O patio, entendido así como interior delimitado, trata de recuperar un espazo de encontro significativo, de acceso aos distintos corpos e con capacidade para “recoller” o parque contiguo co que intenta dialogar.

Os muros que hoxe vemos seguen a ser a envolvente definidora e a imaxe do conxunto. A carón deles o patio confeccionarase cun peche acristalado que define espazos e permite a percepción do espazo orixinal. Con esta nova confección do conxunto obterase unha antesala, espazo de chegada (recibidor) localizada na entrada principal que tivo o convento, co arco de acceso como elemento distintivo e referencial; unha segunda sala multifuncional complementaria; e espazos onde situar aseos, instalacións e servizos necesarios para transformar o conxunto nun centro de actividades colectivas.

En definitiva, as actuacións pasan por rehabilitar o corpo principal como espazo único, cunha única planta, obtendo un espazo amplo, de dimensións e escala acordes co uso colectivo; a integración e restauración dos muros do perímetro que se conservan; posta  en valor dos arcos, como elementos singulares, e incorporación de novos  espazos coa creación dun patio cunha antesala de chegada, onde se localizan os servizos, instalacións, armarios, futuros paneis informativos e calquera outro elemento que indique e convide ao uso das actividades que en cada momento se desenvolvan no conxunto, con acceso dende a rúa e dende o patio, para recoller todos os posibles tránsitos, e dende o que se chega a todos os locais; unha sala de usos múltiples; un espazo pensado para ser utilizada como sala de reunións, de charlas, actividades lúdicas para nenos e nenas ou persoas adultas… definida polo muro e un peche acristalado que delimita o patio.