Betanzos inicia a redacción do Plan xeral cunha primeira reunión de traballo entre corporación local e o persoal técnico redactor

1126
Vista xeral de Betanzos

O goberno local e os representantes dos diferentes grupos políticos mantiveron onte unha primeira reunión de traballo coa empresa encargada de elaborar o Plan Xeral de Ordenación Urbana, unha primeira toma de contacto na que se explicaron “as distintas fases de traballo de desenvolvemento do documento, as liñas de traballo que se seguirán por parte do equipo redactor para as que o goberno local tamén convidou ao resto de grupos a realizar achegas”.

A empresa que desenvolverá os traballos é Oficina de Plan S.A., que obtivo a mellor puntuación no concurso convocado para o efecto polos informes emitidos polos servizos técnicos. Á hora de valorar as propostas, tívose en conta, de forma especial, a oferta económica e a composición do equipo redactor, tanto a experiencia a nivel persoal como en equipo. A metodoloxía e realización dos traballos e a redución dos tempos de execución destes. O orzamento de licitación para a elaboración dos traballos era de 144 000 euros IVE incluído. A adxudicación foi de 115 114 euros.

Outro dos aspectos que se tiveron en conta é o tempo de elaboración do documento. O prego de condicións prevía un tempo de 30 meses, unha duración, no entanto, que non debe entenderse como que se disporá do plan en 30 meses senón que é o prazo que se establece como resultado de sumar o tempo de traballo que se prevé poida levar cada unha das fases de elaboración do documento.

Neste sentido, a eses meses haberá que sumar tamén o tempo que poida haber entre fase e fase e o que “as administracións lle dediquen ás tramitacións que sexan das súas competencias”. En calquera caso, o PXOM non estará finalizado ata principios de 2022.

Os traballos de redacción que agora empezan executaranse en varias fases. A primeira, de información urbanística e diagnose tras a cal se elaborará o documento de inicio ou anteproxecto de plan. Esta fase centrarase en recoller información de toda índole precisa para a elaboración dos traballos para logo, unha vez analizado unha primeira diagnose, elaborar un anteproxecto de plan como documento de inicio que ten por finalidade servir de orientación para a elaboración e avaliación ambiental do plan e, en consecuencia, conterá un estudo detallado do medio rural e do modelo de asentamento poboacional, a descrición e avaliación do sistema de núcleos e os obxectivos de planificación.

A segunda fase comprenderá a elaboración do informe de sustentabilidade ambiental e documento para o informe previo á aprobación inicial, elaborando toda a documentación que integra o Plan Xeral. Este documento será o que se someta a informe previo á probación inicial da Consellería de Medio Ambiente.

Na terceira fase redactarase o documento para a súa aprobación inicial introducindo por parte do equipo redactor as correccións ou modificacións necesarias para emendar as deficiencias que indique o informe da Consellería de Medio Ambiente. Este traballo deberá ser aprobado, con estas incorporacións, polo Concello e despois efectos previstos na lexislación sobre avaliación ambiental estratéxica para, con todo iso, elaborar o documento definitivo tanto para a aprobación provisional ou definitiva do Plan Xeral, introducindo os cambios derivados das alegacións que se produzan durante a información pública e as consultas ou informes sectoriais emitidos polos distintos organismos.

Sería o pleno do Concello o que tería entón que aprobar o documento de forma provisional para que logo a Xunta o aprobase de forma definitiva.