O proceso comezará unha vez que a Xunta autorizou o convenio de colaboración co Concello, segundo explicou a alcaldesa.

O Concello licitará nas próximas semanas os traballos de elaboración do Plan especial de protección do centro histórico unha vez que a Xunta aprobou o convenio de colaboración para actualizar este documento. Así o anunciou a alcaldesa, María Barral, quen explicou que a licitación será posible despois de que o Concello teña xa elaborados  os informes previos necesarios antes da contratación do plan. O custo de redacción do documento é duns 150 000 euros.

Esta documentación que dispón o Concello recolle datos de medio físico, poboación, infraestruturas, edificacións e construcións, usos do chan, interese e valores culturais, etc, tanto recompilando os datos existentes en arquivos ou outros fondos como efectuando os traballos de campo precisos para a actualización destes. En xeral, contén todos os datos precisos concretados nos seguintes aspectos: evolución histórica e antecedentes na tramitación do plan, obxectivos, determinacións e criterios dos instrumentos da ordenación territorial, plan vixente e determinacións do plan xeral, elementos inventariados, catalogados e declarados de interese cultural, análise  do estado do parque actual de vivendas e a dinámica de creación e ocupación de vivenda nos últimos anos, estado e características.