Betanzos instala un novo marcador electrónico no pavillón dentro programa de mellora de instalacións deportivas

71
Novo marcador do polideportivo do Carregal

O Concello continúa o programa de melloras de equipamentos e áreas deportivas coa instalación dun novo marcador no polideportivo municipal. O equipamento electrónico, de led, non só reflectirá os datos máis importantes da competición que se desenvolva no pavillón, senón que ademais dispón dun sinal de tv que se utilizará para reproducir vídeos promocionais do Concello ou doutras actividades que nun momento dado considérense de interese.

O concelleiro de Deportes, Andrés Hermida, explicou que coa instalación cóbrese unha antiga demanda dos clubs federados dento dun programa de actuacións “que non só inclúe melloras no pavillón senón tamén nos campos de fútbol García Irmáns e Carregal, nas pistas polideportivas cubertas e nas zonas deportivas das diferentes parroquias”.

Neste sentido, se instalaron novos asentos nas bancadas do campo de O Carregal, unhas obras que se completaron con traballos de pintado e mellora dos vestiarios, da iluminación e do propio campo de herba artificial. Na mesma zona, realizáronse traballos de limpeza das pistas polideportivas cubertas, mellorando o pavimento.

Ademais destas obras acometéronse traballos en As Angustias, A Condesa, Bellavista e a pista de ciclismo situada na zona do Carregal. No campo García Irmáns executáronse obras de mellora nos vestiarios e proximamente acondicionaranse os accesos á entrada do estadio.

O programa continuará co acondicionamento de diversas pistas polideportivas de “As Minas”; “Sapeiro”; “Xuncaliño”; e “Guiliade” nas que se investirán máis de 123.000 euros. A primeira delas, a de As Minas, presenta actualmente irregularidades no pavimento: gretas, fisuras, formación de charcos, cunha pista que está rodeada de vexetación e cunha malla de peche perimetral que presenta danos.

O proxecto recolle a retirada deste peche, a roza da contorna, a limpeza perimetral do pavimento, por medios manuais, eliminando restos de herbas e terra acumulada e o acondicionamento de camiño de acceso.  

Ademais pavimentarase a pista mediante aglomerado asfáltico e marcarase e sinalizará para futbol sala, baloncesto e balonmán e pecharase perimetralmente. A de O Xuncaliño, que presenta irregularidades no pavimento, mellorarase coa limpeza superficial de terreo; e a limpeza, lijado de superficies e posterior aplicación de tratamento de protección e acabado sobre varanda metálica existente. Tamén se lavará toda a superficie, trataranse as gretas e ocos; selado de xuntas e novo pavimento con marcaxe e sinalización de pista para futbol sala, baloncesto e balonmán. En Guiliade o programa incluirá arranxos na pista cuberta cuxa cuberta presenta sucidade acumulada mentres que en O Sapeiro arranxaranse os camiños de acceso con capa de rodaxe.