O Cinema Alfonsetti contará nos próximos días con equipamento audiovisual que permitirá programar ciclos temáticos ao longo do ano

1191
Instalación de pantalla, equipos de son e proxector no cinema Alfonsetti

O Cinema Alfonsetti contará nos próximos días con novo equipamento audiovisual (pantalla, equipos de son e proxector). A alcaldesa, María Barral Varela, explicou que o Concello iniciou os traballos de instalación deste novo equipamento co que a sala máis antiga de España poderá seguir “albergando actividades vinculadas á sétima arte”. A actuación inclúe a colocación de dez altofalantes, un proxector e unha pantalla, fabricada en Italia de forma específica para as características do Alfonsetti. Ten 7,20 metros de ancho por catro de alto, e o seu peso será de 160 quilos.

A colocación deste equipamento levará tamén, segundo indicou a alcaldesa, ampliar o escenario para instalar debaixo de él altofalantes e, ao mesmo tempo, permitir unha maior superficie para, nun momento determinado, poder “desenvolver outras actividades”. María Barral indicou que a posta en marcha do novo equipamento posibilitará a programación de ciclos temáticos ao longo do ano, non de cinema comercial, pero si de “programas de diversas temática e dirixidos a todas as idades. Ese é, en principio, o obxectivo “.

Esta non será a única obra que se realice nas instalacións despois de que no Plan Único da Deputación POS+2018 o Concello incluíse os traballos de mellora tanto no pavimento como no corredor pegado ao Claustro de Santo Domingo. O pavimento de formigón pintado da sala do Cinema presenta un cambio de aspecto e cor con manchas esbrancuxadas xeneralizadas e outras máis localizadas de graxa, así como algunha greta. Neste sentido, repararanse as gretas con morteiros e para eliminación da capa superficial se lijará con diamante ata obter unha capa limpa e fina. Por último aplicarase unha pintura especial do mesma cor que a orixinal, e aplicarase este mesmo acabado un rodapié metálico. Para levar a cabo estas actuacións será necesario levantar, almacenar e volver colocar o conxunto de butacas da platea da Sala. Trátase de recuperar a imaxe do conxunto que tiña a sala tras a última intervención de rehabilitación da que foi obxecto.

Dentro do mesmo programa de mellora de salas múltiples, o Concello realizou diversas actuacións na Sala de Cultura Xulio Cuns relacionadas coa seguridade, tanto nas cortinas do escenario como na iluminación.

Outras actuacións

A alcaldesa lembrou que tamén levarán a cabo obras, dentro do Plan Único, noutras instalacións municipais como o Claustro de Santo Domingo co pintado dos muros e unha nova rede de canalización de pluviais; e o edificio Liceo coa reparación da fachada na que se sitúa o acceso á planta principal e a substitución do sistema de portas abatibles de acción manual por outras automáticas correderas de acceso ás oficinas municipais. En este mesmo edificio tamén se realizarán obras no lucernario e no resto de fachadas.