O programa de axudas para a rehabilitación de vivendas no casco histórico repartirá máis de 155.000 euros en 25 actuacións

962
A alcaldesa María Barral, xunto aos concelleiros, Antonio Vazquez. e Andres Hermida en visita as obras da rúa da Cerca

O Concello remitiu ao IGVS o informe coa baremación das propostas para a obter subvención ou axudas dentro da décima fase do Plan Estatal de Fomento do aluguer de vivendas, rehabilitación e renovación urbana 2013-2016 ao amparo do convenio asinado entre o Concello, Ministerio de Fomento e a Xunta.

A proposta, remitida ao Instituto da Vivenda e Solo, recolle 25 actuacións que obtiveron no proceso a maior puntuación. Delas 22 son de rehabilitación e tres de renovación. O informe realizado polos técnicos do ARI sinala que os titulares dos expedientes que se tramitaron cumpren os requisitos que se regulan na Lei Xeral de Subvencións e presentaron tamén toda a documentación requirida relacionadas coa titularidade e destino das vivendas obxecto das axudas.

Trátase de obras ou traballos de recuperación de elementos comúns dos edificios así como outras de adecuación de habitabilidade das vivendas dirixida tanto a comunidades de veciños como a propietarios de inmobles.

Todas estas vivendas atópanse dentro do delimitado como Área de Rehabilitación integral, é dicir, o centro histórico e os barrios da Magdalena e Nosa Señora dos Remedios.

Nesta fase o programa repartirá entre as 25 actuacións algo máis de 155.000 euros en axudas, de diferente contía en función do investimento realizado por cada propietario na vivenda.

No plan participan as tres administracións financiando, o Estado, as actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas e o custo dos equipos técnicos de información e xestión adscritos á Oficina Municipal de Rehabilitación; a Xunta coas subvencións para particulares e unha parte de obras de urbanización mentres que o Concello contribúe na subvención de proxectos, actuacións de reurbanización e equipos técnicos.

A alcaldesa, María Barral, destacou este tipo de programas para potenciar actuacións de mellora de inmobles no casco histórico aínda que, indicou, “somos conscientes de que non son suficientes e é necesario impulsar máis actuacións”. Valorou de novo a importancia das actuacións de recuperación de inmobles e compra dos mesmos por parte da Xunta e a colaboración que existe entre as dúas administracións, Concello e Consellería de Vivenda, para seguir, desta forma, dinamizando e recuperando o casco histórico. “Estas actuacións impulsarán, seguro, outras recuperacións de inmobles de ámbito privado, na mesma zona”, indicou a alcaldesa que lembrou que estes proxectos están a completarse cun importante programa municipal de investimentos en rúas do casco histórico, iniciado xa hai uns anos que inclúe a rúa da Cerca, cuxos traballos comezaron hai unhas semanas e nos que se contempla a substitución de toda a rede de servizos así como un novo pavimento, os Soportais, Fonte de Unta, Pescadería, San Francisco, ou o previsto na travesía de Lanzós, entre outras.