Feijóo comprométese coa alcaldesa a financiar parte das obras de restauración do parque do Pasatempo

30
A alcaldesa María Barral e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no seu despacho de San Caetano. Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2019

A Xunta comprométese co Concello a achegas fondos para o proxecto de restauración do Pasatempo. Así llo trasladou o presidente, Alberto Núñez Feijóo á alcaldesa, María Barral, durante a reunión mantida o pasado 4 de setembro en Santiago na que a rexedora expuxo, ademais, a colaboración de ambas as institucións noutra serie de actuacións en materia educación, de servizos asistenciais e de centro histórico.

Entre os asuntos tratados, a alcaldesa fixo especial fincapé no proxecto de restauración do parque do Pasatempo para pedir a colaboración da Xunta no financiamento das obras. María Barral explicou que o presidente amosou o seu compromiso para participar neste financiamento, achegando unha parte económica para executar parte das obras incluídas no estudo técnico preliminar que dispón o Concello e que lle foi entregado esta mañá a Núñez Feijóo, “unha vez estea aprobada a declaración de BIC que está a elaborar Patrimonio e o Concello presente o proxecto técnico”. Neste sentido, comprometeuse a que este traballo de declaración BIC estea finalizado durante o primeiro semestre de 2020 e a partir de aí fixar as obras que podería custear a Xunta no parque, destacou a alcaldesa, quen agradeceu neste sentido o “compromiso e a disposición do presidente”.

Outro dos asuntos tratados foi o educativo. A alcaldesa solicitou a colaboración da Xunta para a segunda fase do colexio Vales Villamarín, ademais de diversas actuacións nos institutos Francisco Aguiar e As Mariñas. María Barral propúxolle ao presidente completar as actuacións que se realizaron no CEIP Vales Villamarín cunha segunda fase e realizar unha reforma integral do segundo bloque coa adecuación de fachada, cambios de xanelas, pintado dos interiores e mellora da iluminación.

María Barral pediu a mediación de Núñez Feijóo para pór en marcha un servizo asistencial como é o Centro de Día. Trátase de “unha instalación necesaria para cubrir a demanda asistencial que existe actualmente non só en Betanzos senón na comarca e que desde o Concello solicitamos, a través de acordos plenarios, en varias ocasións”. A construción deste centro non se contempla actualmente nas políticas da Xunta, que si ofrece como alternativa axudas directas ás persoas usuarias. Neste sentido, a alcaldesa estudará agora a situación e as alternativas que dispoña o Concello para levar a cabo este proxecto “que consideramos necesario e aos que non imos renunciar”.

Para o centro histórico, a alcaldesa incidiu na importancia de continuar coa súa dinamización e recuperación coas actuacións xa en marcha e as rehabilitacións proxectadas.