Nota informativa sobre o Pasatempo

1318

Ante as distintas informacións sobre o parque do Pasatempo, o Concello desexa puntualizar:

O parque permanece pechado por indicación expresa do persoal técnico despois de que se producise o desprendemento no pavillón do Estanque do Retiro. A partir dese momento, realizáronse todos o trámite administrativos, supervisados por Patrimonio da Xunta, co fin de consolidar a estrutura. Encargouse o proxecto técnico correspondente, avalado por Patrimonio e, posteriormente, executáronse os traballos de consolidación.

Eses traballos, como o seu nome indica, son de consolidación, á espera de executar un proxecto maior de recuperación do estanque do Retiro e do pavillón. En calquera caso, todas as obras foron supervisadas por expertos e técnicos na materia.

Paralelamente a eses traballos, localizáronse restos de esculturas que en actos vandálicos foran deitadas ao Estanque e que agora están depositadas no recinto.

O proxecto de restauración desta parte do Pasatempo, (Estanque e pavillón está a redactarse por un equipo formado por arquitectos e restauradores que será entregado en breve ao Concello. Posteriormente será enviado a Patrimonio da Xunta, para que dea o seu visto e prace e autorice os traballos; e á Deputación, que ten comprometidos 600 000 euros para obras de restauración no recinto.

Os traballos, segundo adiantaron os redactores do proxecto terán un orzamento que roldará os 300 000 euros e que serán financiados dentro dos 750 000 euros achegados por Deputación e Concello, dentro dunha primeira fase do proxecto integral de recuperación do parque.

En calquera caso, o recinto permanece pechado ao público, con carteis nos que se advirte deste feito, polo que o Concello resérvase o dereito a emprender accións legais contra calquera persoa que acceda a este sen autorización. Neste sentido, informouse á Policía Local sobre a aparición en Redes Sociais de fotografías no interior do parque, onde se identifica a algunha persoa, para que inicien os trámites correspondentes e a pertinente denuncia.