O Concello ampliará as zonas cardioprotexidas coa adquisición de novos desfibriladores que se instalarán, principalmente, en edificios municipais

1101
A alcadesa María Barral, e o concelleiro de educación Andrés Hermida xunto ao director do CEIP Vales Villamarín Alejandro Sánchez

O Concello pretende completar a rede de desfibriladores na cidade e crear así novas zonas cardioprotegidas. Neste sentido, prevé colocar nos próximos meses outros seis desfibriladores semiautomáticos (DESA) de última xeración que se unirán aos catro cos que xa conta. Con esta iniciativa, Betanzos ponse á altura dos estándares europeos en materia de creación de zonas cardioprotegidas, a forma máis eficaz de prevención de mortes por paro cardíaco.

A iniciativa conta coa colaboración da agrupción local de Cruz Vermella que, á súa vez, recibe axuda da Fundación A Caixa. A alcaldesa, María Barral, explicou que que con estas novas adquisicións preténdese aumentar de forma considerable as zonas cardioprotegidas, conscientes da importancia que teñen en lugares que rexistran unha gran afluencia de público. “En ausencia de atención inmediata, a taxa de supervivencia non chega ao 5%, pero en cambio excede o 50% nas instalacións cardioprotegidas, de aí a importancia capital da cardioprotección dos lugares públicos”, indicou a primeira edil.

Así, ao polideportivo municipal, o campo de fútbol de O Carregal, e os coches de Protección Civil e Policía Local que actualmente conta cun desfibrilador unirase o colexio Vales Villamarín, o Club Náutico Ría de Betanzos, o edificio do Arquivo do Antigo Reino de Galicia (Liceo), unha zona por determinar no centro histórico, e dúas superficies comerciais. “A nosa intención é reforzar a seguridade e prevención nas instalacións onde se concentra máis poboación; por ese motivo quixemos ir máis aló e adaptarnos aos estándares europeos con esta medida que, con todo, non é aínda de obrigado cumprimento nos concellos”.

Coa cardioprotección trátase de atallar a elevada incidencia a nivel mundial da morte súbita, un colapso ou paro cardíaco repentino en persoas que non teñen por que mostrar síntomas de problemas cardíacos e que causa a morte en poucos minutos se non se intervén de forma inmediata.

Ademais da instalación, o Concello en colaboración coa agrupación local de Cruz Vermella darase formación a persoas que traballan nas instalacións, como o colexio, a representantes dos clubs deportivos, traballadores municipais, das superficies comerciais, con grupos reducidos e cursos de cinco horas de duración en materia de autoprotección e actuación ante emerxencias.

O concelleiro de Educación e Deportes, Andrés Hermida, indicou que os desfibriladores, tanto os instalados como os que se adquirirán, contan con telecontrol, teleasistencia e xeolocalización permanente, o que facilita a rápida intervención dos servizos médicos de emerxencia. Explicou que a cardioprotección fai que as probabilidades de sobrevivir á que é hoxe a primeira causa de morte prematura en España pasen de menos dun 5% a máis dun 50%. Na formación, daranse consellos para actuar ante un paro cardíaco repentino, para realizar unha resucitación cardiopulmonar (RCP) que permita manter o fluxo necesario de sangue osixenado ao cerebro e restablecer o ritmo cardíaco normal mediante o uso dun desfibrilador.