O Concello destina 22 000 euros a axudas para a adquisición de libros e material escolar para o alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria

1181

O Concello abriu o prazo de solicitude de bolsas de estudo para adquisición de libros e material escolar para o curso 2018/19. Trátase de axudas para a adquisición de libros e material escolar dirixidas a alumnos e alumnas do municipio matriculadas en centros educativos da localidade en que se imparten ensinanzas de Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria.

As finalidades destas axudas son promover o principio de igualdade no exercicio do dereito á educación e de compensar as familias con escasos recursos económicos para facer fronte aos gastos derivados da escolarización dos seus fillos e fillas, polos cales se entende a compra de libros e material escolar. No concepto de libros e material escolar inclúese: libros escolares, material funxible (bolígrafos, rotuladores, cadernos, carpetas, lapis, gomas de borrar, afialapis etc.), material de debuxo e mochilas e estoxos.

O orzamento das bolsas convocadas para o curso escolar 2018/19 ascende á 22 000 euros. Os importes das bolsas, segundo os tramos de renda per cápita mensual da unidade familiar, serán de 70 a 100 euros. A alcaldesa, María Barral, destacou  o incremento das liñas de subvencións é “un dos obxectivos marcados polo grupo municipal para este mandato, de feito, o seu incremento foi progresivo dende a nosa chegada”. A alcaldesa explicou que no ano 2011 había axudas, na mesma convocatoria, de 6000 euros para “comedor e material escolar” e na convocatoria dese mesmo ano, xa co actual goberno, “incrementamos a partida ata os 11 000 euros”. Ao ano seguinte, a partida orzamentaria ampliouse ata os 12 500 euros, isto é, duplicouse o orzamento, indicou María Barral. Xa no ano 2013, o Concello separou as axudas de material das axudas de comedor, e ficaron en 10 000 euros a contía só para material escolar, para logo “o ano pasado chegar aos 16 000 euros e incrementala de novo o exercicio 2016 ata os 22 000 euros actuais”.

As solicitudes das axudas, debidamente cubertas e asinadas pola persoa solicitante e acompañadas da documentación correspondente, presentaranse cun modelo oficial no rexistro dos Servizos Sociais do Concello. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, estas serán valoradas polo persoal de Servizos Sociais conforme distintos criterios. En caso de concesión, as persoas beneficiarias das axudas retirarán no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte á exposición da listaxe definitiva, un vale nominal por importe da cantidade concedida, que poderá ser trocado en calquera libraría da localidade exclusivamente a efectos de adquisición de libros e/ou material escolar.

Axudas universitarias

O Concello tamén convocará nos vindeiros días as axudas ao alumnado universitario que viu incrementadas as taxas de estudos durante estes últimos anos. Neste sentido, abrirase unha convocatoria de axudas similar á do ano pasado con 15.000 euros.