Betanzos comeza unha nova edición da súa Semana da Tortilla con máis dunha vintena de establecementos hostaleiros

1251
A alcaldesa, María Barral, o primeiro tenente de alcalde, Diego Fernández, e os hostaleiros participantes

Betanzos, 4 de outubro de 2017. Betanzos celebra ata o próximo día 14 unha nova edición da Semana da Tortilla. A alcaldesa, María Barral, o primeiro tenente de alcalde, Diego Fernández, e os hostaleiros participantes presentaron o cartel desta nova edición da que formarán parte 21 establecementos.

O formato, como é habitual, ten como principal obxectivo facilitar a participación de hostaleiros na promoción deste produto. Os establecementos participantes están situados, principalmente, no centro histórico, A Ribeira, A Cañota, Os Ánxeles, calellas e rúa Venezuela.

Este ano participarán: El Histórico, Casa do Queixo, Eira Vella, Onze, Adega do Pino, O Picho Carolo, Bar O Candil, Lembranzas, Cafetería Plaza, Sinuessa, Cervecería Lenda, El Bar, La Tinería, Vinoteca Versalles, Mesón A Tixola, Cafetería La Goleta, Taberna 1931, Mesón Progreso, Taberna Escondida e Mesón Furancho. O prezo, do mesmo xeito que o anaco de tortilla que se ofrecerá en cada tapa, está recollido nas bases de organización da Semana e será de 1,50 euros.

O Concello editará uns trípticos onde se recolle a información tanto dos establecementos participantes como da súa localización. Os trípticos levarán tamén un espazo para completar polas persoas que proben as tapas. Este espazo deberá estar selado, como mínimo, por cinco dos 21 establecementos participantes como mostra de que se degustou tortilla. Nese caso, entrarán no sorteo de catro cartóns por valor de 100 euros nos comercios asociados en ACEBE.

Por outra banda, haberá tamén o premio á mellor tortilla. Para iso, na presente edición formaranse dous xurados. Un que percorrerá os establecementos onde se sirva a tortilla, escollendo de todos eles, os cinco que pasarán á final, onde outro xurado, entre eses cinco, distinguirá a mellor tortilla.

Tamén se mantén o Premio Popular, a mellor tortilla elixida por votación popular, que se outorgará ao establecemento que máis votos obteña durante estes días nas urnas situadas en cada local.

Haberá un concurso a través das redes sociais de Betanzos tan Cerca, en twitter: @BetanzosCerca; e en facebook: www.facebook.com/betanzostancerca.

As persoas que participen neste concurso deberán “subir” a estas redes unha fotografía cunha tapa de tortilla e un refresco de Coca-Cola. Todas as fotografías que se reciban entrarán no sorteo de produtos desta marca de bebidas.