O Concello encarga un anteproxecto para a restauración do convento das Donas, a edificación máis antiga de Betanzos

1518
Convento das Donas, situado na zona das Cascas

O goberno local acaba de encargar un anteproxecto básico que achegue solucións para a restauración do convento das Donas, situado na zona das Cascas, cuxa edificación está considerada como a máis antiga de Betanzos, ao ser documentada xa en 1138.

O alcalde, Ramón García Vázquez, explicou que a intención do Concello é recuperar este edificio, polo que representa, polo que, como primeiro paso acaba de encargar este anteproxecto técnico. A idea é que unha vez concluídos os traballos se presente ao resto de grupos políticos para, entre todos, decidir a solución máis satisfactoria e plasmala nun proxecto de recuperación do inmoble.

O alcalde indicou que o proxecto marcará tamén a finalidade que se lle dará ao convento canto á súa utilización, que “en boa lóxica estará enfocado a un uso preferente para a veciñanza das Cascas-A Condesa”.

Rúa da Cerca

Por outra banda, o Concello anunciou que ao longo deste mes comezarán os traballos de mellora da rúa da Cerca, unha das máis importantes do centro histórico. O proxecto contempla a execución dunha serie de infraestruturas destinadas a mellorar a rede de saneamento e abastecemento, así como a pavimentación co derrubamento do pavimento de formigón e chapacuña existente na calzada e nas beirarrúas; provisión dos banzos e laxas de granito existentes en porta do Cristo e das pedras de granito que forman parte do actual pavimento de calzada nos entroncamentos coas distintas travesías.

O proxecto, que segue a liña do realizado na rúa Nova, prevé a colocación dun novo pavimento de laxas de granito de 10 cm de espesor na rúa da Cerca e de 6 cm de espesor en Travesía Lanzós coa colocación dos banzos e laxa de cantaría previamente levantada na porta do Cristo e ponte Vella; e a reposición pavimento de chapacuña e laxas de granito en entroncamento coas distintas travesías.

Ademais substituiranse as canalizacións da rede de saneamento, augas pluviais e abastecemento; con novos pozos de rexistro de aneis prefabricados de formigón, sumidoiros con arqueta de formigón e acometidas das baixantes dos edificios á rede xeral.