A feira de Betanzos amplíase a partir do día 16 con 14 novos postos de venda

1183
Feira de Betanzos na Praza Irmáns García Naveira

A Feira do próximo día 16 contará con 14 novos postos despois do sorteo realizado polo Concello con base á convocatoria pública para optar a postos vacantes de venda ambulante en 9 modalidades: téxtil, bixutaría, bolsos, zapatos, lenzaría, antigüidades, enxoval, drogaría e perfumaría. A adxudicación realizouse por sorteo público entre as 31 persoas que solicitaron o posto e que cumprían os requisitos esixidos.

Dos novos postos haberá seis de téxtil; dous de bolsos, un de alfombras, outro de calzado, un de mercería, outro de enxoval de fogar e un de bixutaría.

As condicións de adxudicación destes postos establécense con base á ordenanza reguladora de venda ambulante aprobada en pleno recentemente.

Os postos que agora se ocuparán quedaron vacantes por diversas causas, entre elas, falta de pagamentos ou non asistencia ás feiras. A idea inicial é que estes postos se cubran con profesionais de venda “de segmentos nos que non haxa demasiada presenza na feira e ampliar así a oferta de produtos”, segundo indicou a concelleira de Comercio, Mónica Carneiro, por iso é polo que se buscaron as especialidades anteriormente citadas.

A nova ordenanza recolle tamén a realización de sorteos cada seis meses en función dos postos que vaian quedando libres. Estipula, ademais, as causas de extinción da autorización municipal por, entre outras, non solicitar renovación de autorización; pola falta de pagamento das taxas municipais dentro do prazo establecido; por renuncia expresa e escrita da persoa titular; por non asistir a catro feiras consecutivas ou seis alternas ao longo da vixencia da autorización, agás causa xustificada; falta de pagamento das sancións municipais que se impuxesen ou cometer algunha das infraccións contidas na ordenanza, tipificadas como infracción grave, ou moi grave, ou reincidir na infracción.

A nova ordenanza inclúe diversas clases de infraccións, leves, graves e moi graves. No primeiro grupo inclúese non exhibir a necesaria autorización, ou non facer a limpeza do espazo ocupado polo posto ao finalizar a xornada. Serán graves, entre outras, a reincidencia das faltas leves; a venda fóra dos perímetros ou lugares autorizados ou dos horarios establecidos; venda por persoas sen autorización; ou negarse a ofrecer datos ou facilitar información a persoas responsables da Feira.

As infraccións incluirán primeiro apercibimentos; sancións económicas; e ata a incautación da mercadoría, e o peche do posto ou suspensión da actividade comercial.

Ata estes momentos, a feira contaba cuns 160 postos de venda.