O Concello executa as obras para estabilizar o pavillón do Estanque do Pasatempo unha vez que acaba de recibir a autorización de Patrimonio

168

O Concello iniciou os traballos de consolidación do pavillón do Estanque do Retiro do Pasatempo, seguindo as indicacións técnicas proxecto realizado dos arquitectos Xan Casabella e Xosé Díez Vieites, aprobadas por Patrimonio.

A proposta inclúe unha solución para deter os posibles desprendementos e que á vez sexa compatible coa futura reconstrución, que será definida no correspondente proxecto de restauración do pavillón. Para a elaboración deste informe técnico foron necesarias varias visitas, nas que se realizou unha observación polo miúdo da illa do pavillón coa toma de numerosos datos, medicións e unha ampla reportaxe fotográfica.

A proposta técnica foi encargada unha vez que os técnicos de Patrimonio e os municipais visitaron a zona que estaba danada o pasado día 26 de outubro. Por mor desa visita e seguindo as recomendacións achegadas polos técnicos encargouse a elaboración do mencionado estudo técnico cuxos traballos agora serán contratados.

A intención do Concello é que unha vez executados, o seguinte paso sexa a restauración do pavillón, para o que, previamente, se encargará un proxecto “ad hoc” que logo será tamén enviado a Patrimonio para a súa autorización.

Ademais dos traballos de consolidación que eviten desprendementos, o proxecto técnico incluíu a maiores, a limpeza deste, retirando as plantas “invasoras” que foron almacenadas en sacos para daquela ser tratadas por un xestor autorizado. Para a retirada destes sacos foi necesario un guindastre elevador.