O Concello inicia a contratación para a construción do patio cuberto do aulario de Infantil que estará operativo para o próximo curso

1002
A partida prevista polo Concello alcanza os 170 000 euros.

O Concello inicia a contratación das obras de construción do patio do colexio de infantil do Vales Villamarín unha vez obtidas as autorizacións de Educación, Augas de Galicia e Patrimonio. O obxectivo é que as novas instalacións sexan unha realidade o próximo curso escolar, segundo explicou a alcaldesa, María Barral Varela. Para facer fronte a esta obra, o Concello reservou 170 000 euros con cargo ao programa de investimentos financiado co remanente de tesouraría de 2017. Trátase dunha obra demandada pola Comunidade Escolar e o Concello e que agora será realidade pola colaboración entre a Consellería de Educación, o Concello, e a propia comunidade educativa (ANPA e dirección do colexio).

A obra foi a máis votada no programa de orzamentos participativos impulsado polo goberno local o pasado ano para o que destinou 50 000 euros. Dado que esta cantidade era insuficiente para abordar unha actuación acorde coas instalacións, desde o Concello mantivéronse novas conversas coa Xunta para buscar “alternativas e poder executar un proxecto máis ambicioso e que, evidentemente, superaría os 50 000 euros que tiña previsto o Concello nese programa de orzamentos participativos”. Eses contactos con Educación finalizaron co acordo de que a administración autonómica redactaría o proxecto mentres que o Concello financiaría as obras, “xa que as consideramos sumamente necesarias. A súa execución non podía demorarse máis”, explica a alcaldesa.

Tendo en conta as características da obra e o seu emprazamento, os traballos só poderían executarse nun período vacacional, por iso é polo que os traballos “se realizarán unha vez finalice o actual curso escolar. Non hai tempo material de abordalos noutro momento debido á duración das obras”.

A partida prevista polo Concello alcanza os 170 000 euros. O proxecto recolle a ampliación do edificio cunha zona cuberta de máis do dobre que a actual, que funcione como soportal e patio cuberto para os alumnos ata alcanzar os 370 metros cadrados. Realízase contiguo ao edificio existente, fronte á fachada do comedor. Tamén se colocarán cinco xogos infantís.