O Concello mellorará en setembro as rúas Tomás Dapena e Alcalde Beccaría que permanecerán cortadas ao tráfico

802
Rúa Tomás Dapena

As obras de mellora de urbanización das rúas Tomás Dapena, Alcalde Beccaría e avenida de Castela comezarán a primeira semama do próximo mes de setembro. Así o anunciou hoxe o Concello despois de celebrar unha reunión de planificación das actuacións coa concesionaria do servizo municipal de auga, a Policía Local, persoal técnico municipal e o responsable da empresa adxudicataria das obras. Os traballos prolongaranse durante dous meses co que as rúas Tomás Dapena e Alcalde de Beccaría permanecerán cortadas ao tráfico, desviando a circulación pola rúa Venezuela, á que se accederá desde a estrada de Castela cara ao Rolo e Pintor Seijo Rubio.

Os traballos realizaranse a través dun plan provincial e neles investiranse máis de 150 000 euros. Trátase das rúas Tomás Dapena, Alcalde Beccaría, e Avenida de Castela, que presentan un deficiente estado. Proxéctase a rehabilitación integral das beirarrúas, sen producir modificacións na súa anchura, agás nos ensanches proxectados para os pasos de peóns, actuando en pavimentos, renovación do trazado da rede municipal de abastecemento de auga, saneamento en tramos localizados e substitución de pintados, a sinalización e o equipamento urbano.

Os pavimentos de firme e das beirarrúas presentan varios acabados froito das distintas épocas, co que con este proxecto se pretende unificalo, tanto en aspectos de acabado, como de tipoloxía de solucións coas que xa se viñeron probando con éxito en entroncamentos como o da rúa Venezuela coa rúa do Rollo, na propia rúa do Rollo e na rúa Pintor Seijo Rubio.

Aproveitando a execución das novas beirarrúas proxéctase a retirada da rede de abastecemento, de fibrocemento, de auga potable e substituíla por outra de novo trazado de polietileno sobre a que se realizarán novas acometidas a cada unha das edificacións. Igualmente proxéctase a substitución de trazado da instalación de rede de sumidoiros naqueles tramos onde o material de trazado segue mantendo o fibrocemento e substituirase por material análogo ao do novo trazado de PVC, coa substitución se fose necesario para a realización dos seus entroncamentos e pozos de rexistro.
Contémplase a reposición das beirarrúas e pasos de peóns. Realizarase un novo deseño nas cruces entre as rúas Alcalde Tomas Dapena, Alcalde Beccaría e a avenida de Castela. Do mesmo xeito que as zonas peonís reporase a sinalización viaria completa incluíndo as zonas de aparcadoiro e os pasos de peóns.

Renovarase todo o parque de sinalización urbana sobre postes metálicos así como no caso de papeleiras e bolardos. Dotarase ao viario de sinalización vertical, e a sinalización horizontal. Colocaranse papeleiras de aceiro segundo a planimetría de proxecto e pilonas serán de fundición Exponse este tipo de bolardo, nos laterais da beirarrúa anexos aos pasos de peóns co obxectivo de evitar a invasión dos mesmos por parte dos vehículos. No caso dos garaxes ou vaos existentes disporanse de tipo flexible.